3.920 euros para "axudar á xente de Ucraína con todo o noso corazón"

Vilaboa
01 de abril 2022

3.920 euros é a cantidade simbólica que o colexio La Inmaculada, en colaboración coa ANPA Martín Herrera, quixeron recoller mediante a actividade 'Quilómetros de Solidariedade' no parque Eguren

Alumnado de La Inmaculada xunto ás pombas debuxadas con moedas
Alumnado de La Inmaculada xunto ás pombas debuxadas con moedas / Raquel Currás Martínez

3.920 quilómetros separan Marín de Ucraína. 3.920 euros que o colexio La Inmaculada, en colaboración coa ANPA Martín Herrera, quixeron recoller mediante a actividade 'Quilómetros de Solidariedade'.

No parque Eguren reuníronse por quendas os escolares de infantil, primaria e secundaria, xunto ás familias que asistiron a apoiar a causa, para debuxar con moedas dúas pombas da paz que se irían enchendo polos viandantes dispostos a facer un donativo. O obxectivo era "poder enviar o diñeiro a Ucraína e que poidan sobrevivir á guerra", segundo indicaba o alumnado.

Vestidos de azul e coas cores da bandeira pintadas na cara, o profesorado acompañou a cada curso a fin de deixar cada un a súa contribución. Os estudantes teñen a esperanza de poder "axudar á xente de Ucraína con todo o noso corazón" a pesar de que "estamos a moitos quilómetros de Ucraína pero queremos que xa remate a guerra porque queremos paz no mundo".

Cada día neste colexio, pertencente ao Departamento Pastoral, a mocidade conciénciase sobre a guerra mediante rezos polo pobo ucraíno, noticias e charlas cos seus achegados acerca dos sucesos, ademais de previas doazóns de roupa e comida para os afectados polo conflito bélico.

KATE E ARTEM, ACOLLIDOS POR UNHA FAMILIA DE VILABOA

Así mesmo, o centro recibiu a visita de dúas persoas ucraínas que relataron a súa experiencia para mentalizar ao alumnado con datos en primeira persoa. A mestra de inglés serviu de intérprete para facilitar a comunicación.

Kate e Artem, unha parella nova procedente de Odesa, chegaron hai tres semanas a Bértola, en Vilaboa. Alí unha familia de acollida, coa que contactaran vía Facebook, axudounos con todo o necesario, como a documentación pertinente ou o transporte a diferentes localizacións. Durante a súa estadía, estableceron amizades coas que se senten seguros.

Kate relatou que a súa vivencia fuxindo do país non foi tan estresante como a de outras persoas que saíron en días sucesivos, posto que marcharon cara Moldavia no primeiro día de guerra coa mentalidade de que o pesadelo só duraría dúas semanas. Antes de chegar a España tamén pasaron por Alemaña, mais despois de tres días decatáronse de que non cadraban co seu estilo de vida.

As súas familias e amizades non correron tanta sorte. Nalgúns casos, de acordo á información de Kate, os trens de evacuación ían tan cheos que debían esperar doce horas ata que pasara o seguinte. Ao final, os seus familiares lograron escapar, separados e repartidos por Austria, Israel e Suíza. No caso das amizades, algunhas remataron en Suíza, mentres outras quedaron en Odesa protexendo a cidade. Aínda así, non tdoos conseguiron sobrevivir.

Durante a charla aproveitaron para denunciar a difusión das noticias falsas e a censura da información por parte do goberno ruso. Negaron a marxinación das persoas rusoparlantes en Ucraína e destacaron que a cidadanía odesá ten seres queridos en Rusia, polo que ninguén sae beneficiado desta loita.

En canto á visión de futuro, confían no triunfo de Ucraína por ser un pobo forte que defende a democracia, aínda que lamentan non poder comprender os actos de Putin.

 

 

Arquivado en