3, 2, 1… Luz: o Nadal xa ilumina Pontevedra

Pontevedra
05 de decembro 2023

A hora cero foron as sete da tarde, cando un grupo de nenas e nenas premeu o interruptor xigante co lema 'Tempo de Nadal' instalado diante da árbore central instalada na praza de España. O acto estivo cargado de luz e tamén de música, amenizado polo coro da Xunqueira

Alumeado de Nadal en Pontevedra 2023
Alumeado de Nadal en Pontevedra 2023 / Mónica Patxot

Xa é Nadal en Pontevedra. A época festiva comezou oficialmente este martes co acendido da iluminación que decora toda a cidade. A hora cero foron as sete da tarde, cando un grupo de nenas e nenos premeu o interruptor xigante co lema 'Tempo de Nadal' instalado diante da árbore central instalada na praza de España. 

O acto estivo cargado de luz e tamén de música, amenizado polo coro da Xunqueira desde pouco antes das sete da tarde. Cando chegou a hora, unha conta atrás "tipo Nasa (a cervexa)" centrou toda a atención na árbore. "10, 9, 8, 7, 6, 5, 4, 3, 2, 1... Luz". E unha decena de nenos e nenas inauguraron o Nadal. 

O acto oficial de acendido congregou unha multitude de persoas na praza de España, fundamentalmente familias con nenos e nenas de curta idade, pero tamén maiores e unha ampla representación dos tres partidos que conforman a Corporación pontevedresa: BNG, PP e PSOE. 

Ao tempo que se iluminaba a árbore, abría a poucos metros a pista de xeo e o tobogán instalados na Praza de España, aos que se poderá acceder cun ticket do comercio local.

Poucos minutos antes, durante a tarde, xa abrira na Praza da Ferrería o Poboado de Nadal onde se poderán facer compras de artesanía, en colaboración con Zona Monumental.

 Tamén durante a tarde se foron iluminando 80 rúas e prazas da cidade e ás sete tomaron vida as bólas instaladas na Peregrina, na praza da Ponte do Burgo, na praza da Audiencia, en Daniel de la Sota e en Monte Porreiro, así como as árbores de Eduardo Pondal, Concepción Areal ou Curros Enríquez; o corazón da praza do Hospital; a caixa de agasallo da praza do mercado de abastos; os camelos e árbores de Nadal na Parda: ou a composición de árbores de luz da praza de María Viñals. 

Unha vez que a cidade xa brillaba inaugurando o Nadal, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que premeu o interruptor acompañado polo grupo de nenos e nenas, destacou que "é unha ilusión grande para todos os nenos e tamén para os pais e os avós".

O rexedor sinalou que este ano lle deron "unha voltiña grande" á decoración e a iluminación, con novidades como a pista de xeo, que ten "unha compoñente económica importante", e estendendo a iluminación e decoración a todos os barrios, prazas e parroquias, potenciando as actividades naquelas zonas con comercio. 

Lores recoñeceu que lle fai "especial ilusión" que, por primeira vez, o coro da Xunqueira participara na inauguración, pois é unha agrupación con proxección internacional e que é "un exemplo". De feito, avanzou que este ano encargáronlles o vídeo co que van felicitar o Nadal a toda a cidadanía. 

A mensaxe do alcalde rematou cun desexo: "eu o que quero é que a xente o pase ben, que goce do Nadal. Imos ter un mes enteiro de actividades". E destacou que vai beneficiar á economía, a hostalaría e o comercio cunha festas que son "para todo o mundo".