29 proxectos concorren ás axudas xestionadas polo GALP Ría de Pontevedra

Pontevedra
08 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O fomento da economía circular, a implantación de deportes náuticos adaptados ou a realización dun taller sobre a cociña dos barcos, son algunhas das propostas que concorren a esta convocatoria de axudas

Mari Carmen Vázquez, patroa maior da Confraría de Lourizán
Mari Carmen Vázquez, patroa maior da Confraría de Lourizán / Mónica Patxot

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra recibiu 29 solicitudes na convocatoria das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.

Dos 29 proxectos inscritos ata o momento, a maioría son de carácter social fronte aos de tipo empresarial e localízanse, principalmente, nos concellos de Sanxenxo e Poio. En canto ás partidas económicas, os investimentos rozan os 5 millóns de euros sendo o importe das axudas solicitadas nesta convocatoria de máis de 2,7 millóns de euros.

A posta en valor do percebe a través da pescaturismo, a promoción do traballo das mulleres no mar, o fomento da economía circular, a implantación de deportes náuticos adaptados como a vela ou a realización dun taller sobre a cociña dos barcos, son algunhas das propostas que concorren a esta convocatoria de axudas. 

Nas vindeiras semanas, trala revisión dos proxectos, o GALP Ría de Pontevedra dará a coñecer a listaxe definitiva dos que se propoñen para a adxudicación das axudas.

ASEMBLEA XERAL EXTAORDINARIA

O pasado 23 de febreiro o GALP Ría de Pontevedra celebrou a súa Asemblea Xeral Extraordinaria. Entre os puntos destacados da orde do día atopábase a elección da nova Xunta Directiva. 

Reelixiuse, por unanimidade, a María del Carmen Vázquez Nores, patroa maior da Confraría de Pescadores de Lourizán, como presidenta. 

A concelleira de Bueu, Silvia Carballo, foi designada como vicepresidenta; o alcalde de Poio, Ángel Moldes, como secretario e como tesoureira está Paula Martínez, concelleira de Sanxenxo. A Xunta Directiva complétana 15 vogais, en representación das diferentes entidades e administracións que conforman as catro mesas sectoriais do GALP (sector pesqueiro, económico e laboral, público e social).