28M | Un pacto co BNG permitirá ao socialista Juan Manuel Rey conservar a Alcaldía de Caldas

Umia
29 de maio 2023

A sorpresa na localidade termal deuna o sorpasso do Partido Popular, que se converte na lista máis votada, sobre o PSdeG-PSOE. Os concelleiros obtidos polo PP non son suficientes para gobernar e agárdase que o PSOE pacte co BNG para revalidar a alcaldía do socialista Juan Manuel Rey, rexedor de Caldas de Reis dende 2006

Resultados das eleccións municipais do 28M en Caldas de Reis
Resultados das eleccións municipais do 28M en Caldas de Reis

Escrutado o cen por cen dos votos na vila de Caldas de Reis, a sorpresa na localidade termal deuna o sorpasso do Partido Popular, que se converte na lista máis votada, sobre o PSdeG-PSOE.

Dos 13 concelleiros que forman a corporación, o PP de Fernando Pérez logra 6 representantes (un máis con respecto aos comicios de 2019), o PSdeG-PSOE do actual alcalde Juan Manuel Rey un total de 5 edís (baixa un concelleiro con respecto a 2019) e o BNG de Manuel Fariña suma 2 concelleiros, os mesmos ca nas anteriores municipais de 2019.

Os concelleiros obtidos polo PP non son suficientes para gobernar, xa que a maioría absoluta sitúase nos 7 concelleiros. 

Neste sentido, agárdase que o PSdeG-PSOE pacte co BNG para revalidar a alcaldía do socialista Juan Manuel Rey, rexedor de Caldas de Reis dende 2006.

Desglosado por número e porcentaxe de votos, nestas eleccións de 2023 o PP acadou 2.618 votos e unha porcentaxe do47,61% (en 2019 sumaba 2.225 votos e un 39,79 % de porcentaxe).

O PSdeG era respaldado por 1.963 votos e unha porcentaxe do35,70% (en 2019, foran 2.396 votos e unha porcentaxe do 42,85 %).

Por último, o BNG obtiña 837 votos e unha porcentaxe do15,22%.

Arquivado en