28M | Un milleiro de asistentes apoian a Ángel Moldes na romaría do Castrove coa presenza de Alfonso Rueda

Poio
15 de maio 2023

O presidente do PPdeG asegurou nesta cita tradicional que quedan dúas semanas para que Ángel Moldes sexa "por fin alcalde de Poio". O candidato do Partido Popular sinalou que votar ao PP "é exercer o voto útil para todos os veciños que queiran un cambio en Poio"

Alfonso Rueda durante a súa intervención na romaría do PP en Castrove / Partido Popular

Este domingo celebrábase a tradicional romaría no monte Castrove, organizada polo PP de Poio. Máis de mil persoas acompañaron ao candidato Ángel Moldes nun acto que contou coa presenza de Alfonso Rueda, presidente do PPdeG, e de Luís López, presidente provincial do PP de Pontevedra.

Rueda manifestou que quedan dúas semanas para que Moldes sexa "por fin alcalde de Poio". Destacou a capacidade do candidato popular para expor propostas de forma "rigorosa, a súa eficacia e o seu traballo, resistencia e o seu agarimo ao pobo". "Estas eleccións van de cambiar Poio, de recuperar o tempo perdido, de facer moitas cousas que xa tiñan que estar feitas e de pensar nos veciños", asegurou o presidente popular en Galicia afirmando que é "o momento de Poio".

Lembrou a campaña "espectacular" de Ángel Moldes realizada hai catro anos e, con todo, "algúns fixeron o que dixeron que nunca farían" co resultado de que "quen gañou quedou na oposición". Por este motivo, subliñou que Moldes continuara ao pé do canón traballando polos veciños: "iso só o fan os mellores, a xente que ten un obxectivo claro".

Pola súa banda, Moldes asegurou que o 28 de maio só existen dúas opcións: "ou repetir tres alcaldes ou ter un alcalde, ou ter tres orzamentos que levaron a Poio a ser o concello con máis débeda da provincia ou un único orzamento que permita reducila". 

Explicou que o seu proxecto é "serio, con poucas promesas pero con demandas reais dos veciños" e insistiu en que o PP é o único partido que pode levalas a cabo. "Somos a alternativa a 28 anos de pactos entre socialistas e nacionalistas. Somos o voto útil para todos os veciños que queiran un cambio en Poio", argumentou para indicar que os logros dos "tres alcaldes" do último mandato foron pedir préstamos e subir impostos.