Telmo Martín non ten rival en Sanxenxo. Retivo a maioría absoluta coa que xa gobernaba o PP e incrementou o apoio cidadán, con seis puntos máis de porcentaxe de votos, máis da metade dos emitidos.
A corporación que ata hora tiña cinco grupos políticos queda reducida a tres, PP, PSOE e BNG, ao quedar fóra Podemos e desaparecer do panorama político de Sanxenxo Cidadáns e SAL.
En número de concelleiros, non cambia o resultado para Telmo Martín, reeditando o seu resultado de 10 actuais, pero si crece en porcentaxe e en número de votos. 4.857 veciños e veciñas de Sanxenxo, o 55,99% dos que acudiron a votar, elixiron a papeleta do PP. Fai catro anos foran 4.674, case 200 menos, e o 49,95 dos sufraxios.
Esta maioría reforzada de Telmo lógraa á conta de Cs e SAL, que hai catro anos lograran un cada un que agora quedaban no aire ao non presentarse e cambian o reparto de forzas.
O PSOE e o BNG tamén creceron nesta cita electoral, aínda que moi lonxe de xuntar os concelleiros necesarios para arrebatarlle a alcaldía ao PP. Lograron xuntos sete concelleiros fronte a os10 da dereita. Fai catro anos tiñan cinco e gañaron dous ao levar os que lograran SAL e Cidadáns.
Os socialistas de Ainhoa Fervenza pasaron de tres a catro concelleiros. En porcentaxe de votos a súa subida resulta rechamante, de case dez puntos, pasando do 14,19 ao 23,54%.
En número de votos, os socialistas gañaron case 700, logrando 2.04 fronte aos 1.328 de fai catro anos.
O BNG de Francisco Leiro tamén logrou unha acta máis, pasando de dúas a tres. A súa porcentaxe de votos creceu cinco puntos, do 12,7 ao 17,05%, e o total de sufraxios alcanza os 1.479, case 300 máis que fai catro anos.
Queda fóra da corporación Podemos, que apostara por Alexandre Portela e logrou tan só o 1,31% dos sufraxios, 114 apoios en total.