O Partido Popular quedou a un concelleiro de lograr a maioría absoluta en Cambados, pero podería non bastarlle para alcanzar a alcaldía se os outros catro grupos que lograron representación unen as súas forzas.
A candidatura do PP con Sabela Fole sumou un 42,23% dos votos para facerse con 8 edís, un máis que hai catro anos, dos 17 que compoñen a corporación municipal.
Como segunda forza e cun apoio similar ao de 2019 aparece Samuel Lago co Partido Socialista (22,14%), que lle valeron 4 actas.
Ademais lograron representación con 2 edís tanto a formación Somos Cambados liderada por Tino Cordal (12,21%) como o Bloque Nacionalista Galego que encabeza Liso González (10,78%), mentres que Cambados Pode con José Ramón Abal Varela logrou 1 concelleiro (10,13%).
A suma de Partido Socialista, Somos Cambados, BNG e Cambados Pode nun cuadripartito pode evitar que o PP se faga coa alcaldía, situando ao socialista Samuel Lago como posible candidato ao bastón de mando municipal.