28M | O PP recupera a Deputación "contra todo prognóstico" por tres deputados decisivos en Pontevedra, Vigo e Tui

Pontevedra
29 de maio 2023

Luís López confirmouno nunha comparecencia improvisada ao redor de únaa da madrugada e descartou poñer nome ao novo presidente ou presidenta, pois agora ábrese un proceso interno para a súa designación. O PP gañou en 38 concellos da provincia, 23 por maioría absoluta e lograron en total 414 concelleiros 

Reparto de deputados provinciais tras as eleccións municipais do 28M
Reparto de deputados provinciais tras as eleccións municipais do 28M

O PP recupera a Deputación Provincial de Pontevedra oito anos despois tras sumar tres novos deputados en tres partidos xudiciais decisivos, Pontevedra, Vigo e Tui. 

O presidente provincial do PP, Luís López, confirmouno nunha comparecencia improvisada ao redor da unha da madrugada, tras recontar todos os votos e deputados e constatar que "contra todo prognóstico" logran a maioría absoluta necesaria para recuperar o Pazo Provincial.

De momento, descartou poñer nome ao novo presidente ou presidenta, aínda que, en principio, o propio Luís López se autodescarta para o cargo e empezan a xurdir nomes como o seu número 2 e secretaria xeral, Luisa Piñeiro, ex acaldesa de Moraña; o a alcaldable de Vigo e agora delegada da Xunta na cidade olívica, Marta Fernández-Tapias.  

O actual delegado da Xunta en Pontevedra descartou falar de nomes, pois esta madrugada "o importante é acceder á Deputación" e agora ábrese un proceso interno para designar presidente ou presidenta

"O PP conta cun banco o suficientemente amplo", insistiu Luís López, que lembrou que sempre foi "prudente" á hora de facer cábalas cos resultados electorais e a posible recuperación do Goberno provincial. 

López compareceu acompañado por Luisa Piñeiro; o alcaldable de Pontevedra, Rafa Domínguez, partido máis votado na capital; e o xa reelixido alcalde Cercedo-Cotobade e ata o de agora portavoz do grupo provincial do PP na Deputación, Jorge Cubela. 

Os 'populares', exultantes tras arrebatar a Corporación ao bipartito PSOE-BNG de Carmela Silva e César Mosquera, felicitáronse por gañar en 38 concellos da provincia, 23 por maioría absoluta. Lograron en total 414 concelleiros. 

Os 14 deputados do PP son tres máis que fai catro anos e chega a eles nunha xornada electoral na que venceron en número de votos na provincial. En total, lograron o 36,67% dos votos emitidos, máis de 180.000 dos 551.000 en liza. 

O PSOE baixa de 13 a 9 deputados e o BNG sobe de tres a catro.  

Luís López agradeceu na súa comparecencia o comportamento de toda a cidadanía da provincia por unha xornada electoral "sen incidencias" e tamén o traballo dos cabezas de lista e integrantes de todas as candidaturas do PP e os máis de 4.000 interventores e apoderados que traballaron durante todo o día. 

Tamén quixo agradecer o traballo das persoas que nos 15 días de campaña "traballaron sen descanso para dar a coñecer ou noso proxecto".

Luís Lopez recoñeceu, así mesmo, que "viñamos dicindo que a Deputación estaba máis preto" e "sempre dicía que era posible" e finalmente lográrono grazas, entre outros, aos resultados de Rafa Domínguez, que o acompañaba na comparecencia contento. De feito, asegura que fixeron as súas cábalas e sabían que serían decisivos os deputados de Pontevedra, Tui e Vigo, nos que centraron os seus "esforzos". 

Tamén tivo palabras de agradecemento para o seu número 2, Luisa Piñeiro, da que asegurou que foi a "artífice de todo isto"

Arquivado en