28M | O PP propón crear unha senda entre A Seca e o Castrove, o Roteiro do Río Mouro

Poio
22 de maio 2023

Co Roteiro do Río Mouro o PP pretende "dinamizar toda a parroquia de San Xoán" ao ser "un grande proxecto medioambiental e turístico co que conseguir o desenvolvemento socioeconómico desta zona"

Proposta do PP de Poio "Roteiro do Río Mouro" /

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou o seu proxecto do "Roteiro do Río Mouro", acompañado por Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente do Goberno galego.

O popular explicou que esta proposta inclúese no proxecto 'Poio Sendas', co que pretende crear distintos espacios saudables e sendas verdes en todo o concello.

A ruta comezará na Seca, a beira do mar, e transcorre preto do Mosteiro de Poio ata chegar á parte alta do Castrove, onde se atopa o Bosque de Sequoias.

Moldes asegurou que "é un proxecto moi madurado. Hai catro anos presentamos xa este proxecto e temos moito adiantado". A súa idea é financialo con fondos europeos para sendas verdes en colaboración coa Xunta de Galicia.

Co Roteiro do Río Mouro o PP pretende "dinamizar toda a parroquia de San Xoán" ao ser "un grande proxecto medioambiental e turístico co que conseguir o desenvolvemento socioeconómico desta zona". Segundo explicou Moldes, é unha "aposta clara por desestacionalizar o turismo e atraer visitantes durante todo o ano". 

"Somos un concello afortunado e podemos ofrecer moitas máis cousas que sol e praia, temos patrimonio, temos verde, cultura.... Debemos aproveitar todo o noso potencial", dixo o candidato do PP.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez recoñeceu estar "impresionada" e "moi contenta" da presentación deste proxecto, xa que "queda demostrado que é unha proposta de senda verde moi traballada e estudada".