28M | O PP de Poio pregunta ao goberno local polos aparcamentos prometidos hai un ano na leira de Coca-Cola

Poio
24 de maio 2023

O candidato popular á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes, critica ao socialista Gregorio Agís e ao resto de candidatos polos falsos anuncios realizados aos veciños prometendo esas prazas desde fai oito anos

O candidato do PP á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, visita a finca de Coca-Cola con integrantes da súa lista
O candidato do PP á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, visita a finca de Coca-Cola con integrantes da súa lista / PP de Poio

O Partido Popular de Poio sae ao ataque cunha cuestión para o actual goberno local do municipio, ao que lle pregunta "onde están os aparcamentos que prometeu á veciñanza na finca de Coca-Cola".

O candidato á alcaldía, Ángel Moldes, critica que tanto o socialista Gregorio Agís como o resto de partidos do executivo municipal levan oito anos prometendo aparcamentos e que o ano pasado saíu nos medios de comunicación anunciando que xa contaba cos permisos para construír este aparcamento, pero a realidade é que a día de hoxe todo continúa igual.

“Enganou aos veciños”, denuncia Moldes, quen subliña que os problemas de aparcamento que sofren os veciños nas zonas da rúa Valiña, Benigno Esperón e Ferreiros. “Teñen serios problemas para poder estacionar. Son máis de 200 persoas as que residen nesta zona, que están cansas de falsas promesas e de que non se resolvan os seus problemas”, remarca o candidato.

Moldes recorda que o PP xa denunciou en varias ocasións a falta de aparcamento neste lugar. A última vez foi hai un ano nunha rolda de prensa á que o candidato socialista respondeu inmediatamente asegurando que xa contaba con todos os permisos e que en poucos días o estacionamento da finca de Coca-Cola sería unha realidade. “Un ano despois, nada cambiou nesa finca. Todo sigue exactamente igual, os veciños continúan cos mesmos problemas e o tripartito coas mesmas mentiras e falsas promesas de sempre. Demostrouse que non fixeron nada e que, unha vez máis, Gregorio Agís mentiu”, insiste.

Por iso, desde o PP aseguran que “tanto PSOE como BNG xa demostraron que non teñen capacidade nin vontade política para resolver este problema. Levan 28 anos gobernando Poio, o que non fixeron en tantos anos, non o van facer agora”. Moldes comprométese a buscar unha solución inmediata, porque crear prazas de aparcamento na finca de Coca-Cola é prioritario. "Moitos veciños desespéranse para poder aparcar. É unha situación insoportable en inverno en época de choivas, con molladuras diarias para poder chegar aos seus coches", sostén.

Por último, recorda que a única actuación que fixo o goberno local nos últimos anos foi pintar liñas amarelas e reducir prazas de estacionamento e, como consecuencia disto, aumentaron notablemente as multas.