A candidata do BNG á Alcaldía de Poio, Marga Caldas, quere poñer fin á "inseguridade e ás molestias que sufre a veciñanza" no tramo da P0-308 nas zonas de A Barca e Andurique mediante a reurbanización deste tramo con criterios de mobilidade amable e con calmado do tráfico.
Caldas promoverá, se é alcaldesa a partir do 28 de maio, a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia para que se melloren estes tramos, e que despois se transfiran ao Concello de Poio.
Ademais tamén considera prioritario construir o vial do Vao, pendente desde 2011 para que moito do tráfico que transcorre agora mesmo pola zona da Barca pase a empregar esa nova estrada.
A candidata nacionalista tamén inclúe no seu programa electoral actuacións para outra zona complicada deste vial como é a do entorno de San Xoan e Combarro, "onde tamén é necesario prever actuacións de reurbanización con criterios de calmado de tráfico".
Neste sentido a execución da demandada estrada do Vao é para a nacionalista "unha obra que terá incidencia en tres das parroquias máis poboadas e dinámicas de Poio".