28M | O BNG aposta pola gastronomía, a natureza e os eventos culturais e deportivos para atraer turismo a Poio todo o ano

Poio
23 de maio 2023

A candidata nacionalista, xunto con parte do equipo do BNG de Poio para estas eleccións municipais, visitou as instalacións do Restaurante Casa Solla

Visita da candidatura do BNG a Casa Solla
Visita da candidatura do BNG a Casa Solla / BNG

Este martes, a candidata do BNG á Alcaldía de Poio, Marga Caldas, visitou o restaurante Casa Solla, onde expuxo as súas propostas para converter o concello nun referente do turismo e da gastronomía.

A candidata nacionalista xunto con integrantes da lista do BNG, foi recibida polo cociñeiro Pepe Solla, e puido coñecer de primeira man o xeito de traballar nas instalacións.

"Poio precisa desestacionalizar o noso turismo, somos un referente turístico que chega a cifras turísticas moi importante en épocas estivais, pero nós queremos ir un paso máis. Queremos apostar por un turismo os 365 días do ano", afirmou Marga Caldas. 

"Imos apostar por novas fórmulas de turismo que permitan seguir dinamizando o noso concello, como eventos deportivos de primeira categoría, eventos culturais e de potenciar as nosas zonas verdes, que permitan á nosa hostalería seguir mantendo a actividade durante todo o ano e por en valor a calidade gastronómica deste concello onde contamos con dous restaurantes con Estrela Michelin como son Casa Solla e Pepe Vieira", manifestou a candidata do BNG.