María Rey, candidata de Espazo Común, acudiu a votar acompañada por practicamente toda a súa candidatura, entre eles, o seu fillo, Fran Blanco, que este ano vota por primeira vez nunhas eleccións municipais, e que pecha a lista electoral.
Tras exercer o seu dereito ao voto no colexio de Campolongo, destacou que "hoxe é o día no que realmente todos somos iguais porque cada un de nós só ten unha opción".
Visiblemente emocionada por acompañar ao seu fillo, que "se estrea", tamén tivo unhas palabras de recordo para a súa nai, falecida en 2020 e que "é a primeira vez que non está".
"Fáltame a miña nai", lamentou, pero si a acompañou o seu pai, que vota no colexio electoral do instituto Sánchez Cantón, que quixo darlle o seu apoio. Ao seu lado, tamén a número 2 da súa candidatura, Marga Soliño.
Neste día, aproveitou para facer un chamamento á participación cidadá. "Pídovos a todos que vos acheguedes aos colexios para votar para que os pontevedreses teñan un gran futuro", reclamou.