María Ramallo acaba de lograr a súa cuarta maioría absoluta en Marín a pesar de recibir un pequeno correctivo da cidadanía que lle fixo perder tres dos 15 concelleiros de hai catro anos e quedar en 12.
O PP de Ramallo apenas baixou en porcentaxe de votos, pero si perdeu sufraxios. Así, pasa do 55,55% ao 55,28%, unha variación mínima, pero perde máis de 400 votos en catro anos. Pasa de 6.771 a 6.317.
O voto de castigo a María Ramallo foi para o BNG, o partido que máis crece e sorpresa este domingo. Pasa dun concelleiro a catro e logra máis do dobre dos sufraxios con respecto aos resultados de fai catro anos.
A nacionalista Lucía Santos logra 1.989 votos fronte aos 879 da anterior cita electoral e pasa do 7,21% dos votos a dez puntos máis, o 17,40%.
A segunda forza política do municipio segue sendo o PSOE, que repite resultado, con cinco concelleiros.
Os socialistas liderados por Manuel Pazos melloraron lixeiramente os seus resultados, con 27 votos máis (tiña 2.511 e agora 2.538). En porcentaxe de votos pasan do 20,60 ao 22,21%.
A corporación segue composta por tres partidos políticos, como fai catro anos, cando marea quedara fóra.
Agora os que non entran son Vox, que confiara en Juan Manuel Rosales e quedaron no 3,69% dos sufraxios, insuficientes para lograr representación.