28M | Marga Caldas pon o parque cuberto de Rosalía de Castro como exemplo do seu modelo para as zonas infantís

Poio
26 de maio 2023

O BNG de Poio realizou unha comparecencia de prensa para expoñer o modelo de parques infantís que quere seguir desenvolvendo a partir das eleccións municipais do 28 de maio

Visita de representantes da candidatura do BNG de Poio ao parque infantil de Rosalía de Castro
Visita de representantes da candidatura do BNG de Poio ao parque infantil de Rosalía de Castro / Bloque Nacionalista Galego

O Bloque Nacionalista de Poio (BNG) protagonizou no último día de campaña electoral unha rolda de prensa para expor o modelo de parques infantís que quere seguir desenvolvendo no municipio tras as eleccións do próximo domingo 28 de maio.

"Poio atópase á cabeza da porcentaxe de poboación menor de 44 anos de toda a comarca. Isto débese á gran cantidade de familias novas con nenos que se foron instalando no noso concello, e reflicte que Poio é un concello con futuro que seguirá a medrar nos vindeiros anos", argumentou a candidata nacionalista á alcaldía, Marga Caldas.

A cabeza de lista do BNG puxo a mellora acometida no parque cuberto de Rosalía de Castro, na contorna de Ferreirós, como exemplo do que queren seguir impulsando.

"Queremos exportar este modelo de éxito a todo o concello, e construír no vindeiro mandato parques destas características en Samieira, Combarro, San Xoán ou Raxó, para que as familias de Poio poidan seguir desfrutando dun parque coma este sen desprazarse", avanzou Caldas.

Outra das propostas para os máis novos incluída no programa do Bloque Nacionalista Galego é a creación dun parque multifuncional no Peirao da Barca que dinamice a zona e poida ser empregado para a realización de diferentes actividades.