O socialista José Antonio Cacabelos arrincará en xuño o seu cuarto mandato como alcalde do municipio meco. Nesta ocasión a situación difire dos anteriores comicios xa que perde os dez concelleiros que lle outorgaron a maioría absoluta e volve rebaixar a representación do PSdeG aos oito edís. A mesma que obtivera nas eleccións de 2015, cando optou por gobernar en solitario e chegar a acordos puntuais cos outros grupos políticos.
Eses dous representantes que van en detrimento dos socialistas benefician ao Partido Popular e a Esquerda Unida cun concelleiro máis respectivamente. Desta forma a candidatura popular liderada de novo por Pablo Leiva estará representada tamén con Alejadra Lamas, Carolina Otero e Santiago Mariño.
No caso de Esquerda Unida, José Antonio Otero consegue pasar de dous a tres o número de concelleiros e estará acompañado de Susana Millán e Anxo Meis. O nacionalista David Torres, que formou parte desta última corporación municipal, e que nesta ocasión concorría como cabeza de lista mantén os dous edís para o BNG.
O nacionalista David Torres, que formou parte desta última corporación municipal, e que nesta ocasión concorría como cabeza de lista mantén os dous edís para o BNG.
Nin o Partido Galeguista liderado por Francisco Iglesias nin Unidas Podemos encabezado no Grove por Gonzalo Bea conseguen acta de concelleiro algunha. No caso de Iglesias logrou 197 votos, mentres que Bea contabiliza 85 papeletas para a formación violeta.
O alcalde grovense perde 785 votos nesta convocatoria electoral de maio fronte os 3.010 votos que obtivo na anterior. Os populares conseguen outro concelleiro grazas a 163 papeletas máis que nas municipais anteriores, mentres que EU gana 255 votantes nesta ocasión.
No caso dos nacionalistas aínda que soben en 219 votos, pero o ascenso non se traduce en variación en número de concelleiros.