É un dos grandes triunfadores da noite electoral en Pontevedra. O PSOE de Iván Puentes conseguiu o mellor resultado do partido na cidade nos últimos 16 anos, conseguiu un novo concelleiro e viu como as urnas castigaban aos seus socios de goberno con dous edís menos.
Con estes ingredientes e completado o escrutinio en case toda España, pasadas as once da noite, o líder do socialismo pontevedrés saíu da súa oficina para valorar a noite electoral e recibir a calor dunha militancia exaltada que enchía a sala de espera da sede de San Roque.
"Como dicía o noso lema nesta campaña, hoxe empeza a Pontevedra que vén. Desde hoxe nada volverá ser igual neste Concello. Nós non nos plantexamos as batallas nin os retos políticos a curto prazo. Nós cremos nesta cidade e nós sabemos que o próximos catro anos traballaremos para construír esa nova Pontevedra, para construír a Pontevedra que vén e para chegar ás eleccións do ano 2027 cunha posición clara e nítida, que é liderar a próxima Pontevedra", proclamou un Iván Puentes que xa se marca o obxectivo de facerse co bastón de mando dentro de catro anos.
Comezou Puentes o seu discurso agradecendo o traballo de todas as persoas que compoñen a agrupación socialista de Pontevedra. Tamén tivo palabras de apoio para o seu principal rival político, Rafa Domínguez, ao que "chamei para felicitalo por ser a lista máis votada nestas eleccións".
Recoñeceu Puentes que "o contexto non era nada fácil. As ondas inflúen nos resultados electorais aínda que se vote en clave local. O panorama non foi en xeral favorable para o Partido Socialista, pero dentro dese contexto, é certo que o Partido Socialista en Pontevedra avanza".
"Somos a única cidade, xunto coa Coruña, na que o Partido Socialista crece con respecto ás anteriores eleccións municipais. Temos ademais un mérito adicional que é que, sendo a segunda forza política do anterior goberno municipal, algo que é tremendamente complicado desde o punto de vista de visualización, somos tamén o único sitio no que o Partido Socialista avanza", subliña.
Á hora de valorar os resultados, Puentes detallou que o "PSOE subiu un concelleiro que nos levou moito traballo e esforzo gañar. Subimos 1.543 votos con respecto ás eleccións de 2019. Isto significa que subimos un 27 % con respecto ás eleccións de fai catro anos", dixo dando as grazas aos 7.340 votantes da súa candidatura. "É o mellor resultado do PSOE nesta cidade en 16 anos. E iso é para celebrar", sostén.
Un total de votos que no PSOE interpretan como "un aval e un apoio a ese modo de entender a cidade que nós dixemos nesta campaña electoral que tiña que evolucionar".
Neste novo mandato, Puentes promete poñer sobre a mesa do goberno temas como "emprego, vivenda, igualdade, educación, sanidade, natureza, medio ambiente, loita contra o cambio climático ou integración do río na cidade. En definitiva, un modelo de cidade que tiña que ser evolucionado e as urnas ratificaron que iso tiña que ser así", defende o portavoz socialista.
"Somos conscientes de que se nos votou para iniciar e inaugurar un novo tempo en Pontevedra!, afirma Puentes, quen promete comezar a traballar "a partir de mañá" coa vista posta nas eleccións do 2027.
"Ningún dos cinco concelleiros que hoxe fomos elixidos polo pobo de Pontevedra presentámonos a estas eleccións para ocupar ningunha cadeira de brazos. Todo o traballo que fagamos e todo o que teñamos que negociar terá un único obxectivo: facer posible esa Pontevedra que prometemos á cidadanía das eleccións municipais", concluíu Iván Puentes agradecendo unha vez máis o apoio dos seus votantes e animando á militancia "saborear este magnífico resultado para o PSOE".