Un total de 66.613 pontevedreses terán na súa man o futuro máis inmediato da cidade. Todos eles están chamados ás urnas nas eleccións municipais deste 28 maio.
Indo ao detalle, poderán votar este 28M, 66.465 cidadáns de nacionalidade española residentes en Pontevedra, aos que se suman 148 estranxeiros que viven na cidade e que teñen dereito a voto, todos eles cidadáns de países da Unión Europea.
Haberá 106 mesas electorais repartidas por 42 colexios de todo o municipio que, como é habitual, abrirán as súas portas entre as nove da mañá e as oito da tarde.
A principal novidade nesta cita electoral é a incorporación dun novo local de votación. Debido ao elevado censo do CEIP Álvarez Limeses, parte dos seus votantes foron desprazados ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal.
Tamén haberá cambios no colexio electoral situado no Albergue de Peregrinos que, debido ás obras de rehabilitación que se están realizando no inmoble, trasladarase para estas eleccións ao Local de Música, situado nun edificio anexo.
Os primeiros avances de participación coñeceranse ás dúas da tarde, mentres que a segunda onda coñecerase ás seis da tarde, dúas horas antes de que pechen os colexios.
RESULTADOS EN 2019
Nos comicios celebrados hai catro anos, a abstención chegou ata o 37,54% do censo, algo máis de 25.000 cidadáns. A pesar diso, o 62,46% de participación -44.024 sufraxios depositados na urna- foi notablemente superior ao rexistrado en 2015.
Os resultados das eleccións municipais de 2019 foron:
Atraer a ese votante abstencionista é clave para todos o partidos pero, sobre todo, para os que tentarán conseguir representación na próxima corporación. Para iso, terán que superar o 5% dos votos emitidos, como marca a actual lei electoral.
No caso de Pontevedra, esta barreira supón que para conseguir un concelleiro, os partidos deberán xuntar, como mínimo, uns 2.100 votos.