28M | Carlos Viéitez seguirá sendo alcalde pola maioría absoluta lograda por Veciños de Meaño

O Salnés
29 de maio 2023

A cidadanía de Meaño mostrou o seu apoio masivo a Carlos Viéitez, que se presentou ás eleccións cunha candidatura independente despois de ser expulsado do PP, que pasa de 6 a 1 concelleiro. O PSOE desaparece da corporación, Meaño Independente perde dous edís e o BNG entra cun concelleiro

Resultados das eleccións municipais do 28M en Meaño
Resultados das eleccións municipais do 28M en Meaño

Carlos Viéitez seguirá sendo alcalde de Meaño. Despois de ser expulsado do PP no 2020, o rexedor acudiu ás urnas coa candidatura independente Veciños de Meaño, coa que logrou unha esmagadora vitoria facéndose con 8 dos 13 concelleiros que compoñen a corporación.

Veciños de Meaño recibiu este 28 de maio o apoio de 1.964 persoas, o 57,02 % dos votos. En segundo lugar quedou a formación Meaño Independente, liderada por Jose Manuel Aspérez, que baixou de 5 a 3 concelleiros cun total de 713 votos (20,70 %).

As outras dúas actas restantes serán para o PP de Suso Sueiro (286 votos), cuxa formación perde cinco edís como consecuencia da expulsión do partido de Carlos Viéitez, e para o BNG de Diego Roseira (250 votos). 

Os nacionalistas entrarán na corporación no novo mandato en substitución do PSOE, que perdeu os dous edís que tiña ao non sumar máis de 212 votos. 

En Meaño acudiron á cita coas urnas 3.467 persoas, o que supón un 79,20 % de participación, dous puntos máis que nas municipais do 2019. 

Arquivado en