28M | Ángel Moldes logra a maioría absoluta en Poio e arrebátalle a alcaldía ao BNG

Poio
28 de maio 2023

Cambio electoral no Concello de Poio, que contará os próximos anos cun alcalde do Partido Popular. Ángel Moldes non só encabezou esta vez a lista máis votada senón que logrou unha maioría absoluta con dous edís máis que en 2019 que lle garante o bastón de mando

Resultados das eleccións municipais do 28M en Poio
Resultados das eleccións municipais do 28M en Poio

Cambio electoral no Concello de Poio, que despois de 28 anos de goberno encabezado polo Bloque Nacionalista Galego pasará a mans do Partido Popular.

Ángel Moldes será o novo alcalde do municipio tras facerse coa maioría absoluta. Un total de 10 dos 17 concelleiros da corporación, dous máis que en 2019 cando xa fora a lista máis votada.

O candidato do PP será por tanto o sucesor de Luciano Sobral como alcalde, tras unhas eleccións nas que o BNG con Marga Caldas como cabeza de lista perdeu dous edís para pasar a ser a terceira forza política con 3 concelleiros. O PSOE de Gregorio Agís pola súa banda contará cunha representación de 4 edís, os mesmos que nos anteriores comicios a pesar de integrar na súa lista a Avante Poio.

O Partido Popular logrou o 53,76% dos votos, 10 puntos máis que na anterior cita coas urnas, mentres que o Partido Socialista quedou co 22,96% dos apoios (sobe tres puntos) e o BNG co 17,74% (baixando desde o 26,26% do ano 2019).

Rozando a representación pero sen chegar a entrar na corporación queda a formación Movemento por Poio ao sumar o 4,46% dos votos, preto do 5% necesario.

Arquivado en