As eleccións municipais deste 28 de maio non supuxeron cambios na composición da corporación de Ponte Caldelas, onde seguirá gobernando con maioría absoluta o Partido Socialista encabezado por Andrés Díaz.
O PSOE logrou manter 8 dos 13 edís da corporación municipal como primeira forza e cun maior apoio que hai catro anos, ao conseguilo cun 61,51% dos votos (fronte ao 52,87% de 2019).
Como segunda formación mantense o Partido Popular polo que se presentaba á alcaldía Antón Xil, con 3 concelleiros e o 23,58% de apoios.
Pola súa banda o Bloque Nacionalista Galego encabezado por Sol Seoane queda con 2 edís e un 14,15% dos votos.
Andrés Díaz encara desta forma o seu terceiro mandato como alcalde de Ponte Caldelas, tras acceder ao posto en 2015 primeiro a través dun tripartito con BNG e independentes e repetir en 2019 xa con maioría absoluta.