28M | A Subdelegación ultima os preparativos para a cita electoral do domingo 28

Pontevedra
24 de maio 2023

As mesas da provincia estarán integradas por 4.032 membros e estarán supervisadas por 735 representantes da Administración para elixir a 885 concelleiros e concelleiras e 27 deputados e deputadas provinciais

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, visita o almacén de material electoral da Xunqueira do Vao
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, visita o almacén de material electoral da Xunqueira do Vao / Subdelegación del Gobierno de Pontevedra

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, explicou este mércores a loxística que se despregará para garantir o correcto desenvolvemento do proceso electoral que se celebrará este domingo, 28 de maio, na provincia. Para facer posible esta cita coas urnas, na provincia constituiranse 1.344 mesas, con 1344 urnas, distribuídas en 665 locais electorais con 665 cabinas para elixir as papeletas.

Ademais, as mesas estarán atendidas por 4.032 membros de mesa e por 735 representantes da Administración, que se encargarán de verificar a súa correcta constitución, resolver as incidencias e recoller os datos do reconto de voto.

Tal e como explicou a subdelegada, os custos derivados da loxística e a seguridade deste proceso electoral ascenden na provincia a 1.022.413,36 euros, dos que unha importante contía se destina a retribuír ás case cinco mil persoas que traballan na preparación e desenvolvemento da xornada electoral.

A Subdelegación do Goberno está a ultimar estes días tanto os dispositivos loxísticos como os de seguridade, para que os electores e electoras da provincia poidan exercer o seu dereito ao voto coas máximas garantías. Co fin de supervisar o correcto funcionamento da engrenaxe electoral, a subdelegada do Goberno mantivo varios encontros de traballo cos diferentes actores implicados no proceso electoral do próximo domingo.

Neste sentido, ademais de reunirse cos representantes de forzas e corpos de seguridade Maica Larriba, desprazouse ata o almacén loxístico de distribución de material electoral co que conta a subdelegación do Goberno no Parque Móbil do Estado, na Xunqueira do Vao en Pontevedra. Dende este punto todo o material distribúese a cada concello da provincia.

Ao mesmo tempo, a Subdelegación participou en dous simulacros do sistema de transmisión de datos que empregan os representantes da Administración para trasladar datos de apertura e peche de mesas, avances de participación e escrutinio final. O último destes simulacros celebrouse este luns en toda España.

A subdelegada quixo salientar o esforzo que supón para a Administración semellante despregue de recursos, tanto técnicos como humanos, e amosou a súa satisfacción pola profesionalidade con que se están a desenvolver todos os procesos previos ao proceso electoral deste domingo.

O censo electoral da provincia está composto por 775.760 persoas, dos que máis dun 4 %, 33.661, son mozas e mozos que votan por primeira vez ao cumprir 18 anos e 3.337 son electores residentes na provincia pero nacionais doutros países con dereito a voto nas eleccións municipais. Así mesmo, 17.222 persoas solicitaron o voto correo, das cales 33 son residentes temporais no estranxeiro.

Cos seus votos, os pontevedreses e pontevedresas escollerán a un total 885 concelleiros e concelleiras dos 61 municipios da provincia, a 27 deputados e deputadas provinciais e aos alcaldes e alcaldesas pedáneos das 8 entidades locais menores da nosa provincia.