28 rúas verán corrixidos os seus nomes ao detectarse erros nas súas denominacións no padrón

Pontevedra
17 de xaneiro 2022

Vai tamén darse nome á vía situada fronte á Ribeira dos Peiraos, que pasará a denominarse Ribeira dos Gafos. Ademais, o goberno local anuncia que se inicia un proceso para eliminar todos os referentes da etapa franquista no rueiro do municipio. Deste xeito, xa se está a pescudar se a praza do Marqués de Valterra garda relación con Pascual Díez de Rivera y Casares, responsable de polítiica social durante a ditadura

Contorna de Ribeira dos Peiraos
Contorna de Ribeira dos Peiraos / Google

A Xunta de Goberno de Pontevedra aprobou un expediente para corrixir a denominación de 28 rúas do municipio e asignar un nome a unha rúa que carecía dun nome oficial. Desta forma, a rúa situada fronte a Ribeira dos Peiraos pasará a denominarse Ribeira dos Gafos. Trátase dunha vía situada na marxe esquerda da desembocadura do río, desde unha perspectiva cara arriba.

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, aclarou que esta rúa recibirá o seu nome no pleno do próximo xoves 20, se non se rexistran atrancos. A denominación adóptase seguindo as referencias da microtoponimia do lugar.

A este cambio súmanse outros de carácter interno, que se rexistraron no padrón de habitantes e, en colaboración co departamento de Normalización Lingüística, corrixiranse 28 denominacións para evitar problemas nos trámites administrativos no caso de que non coincidan as denominacións das rúas. Segundo explicou a concelleira, na maioría dos casos trátase da restitución do topónimo orixinal en galego ou se inclúe o artigo ou unha conxunción, que non aparecía nos documentos. Por exemplo, en lugar de Galerías Oliva figurará Galerías da Oliva ou en lugar de Rúa Germán Adrio Sobrido aparecerá Rúa do Doutor Germán Adrio Sobrido.

REFERENCIAS FRANQUISTAS

Ademais, desde o goberno local indican que se vai a traballar para eliminar os restos da época da ditadura franquista que aínda poidan percibirse na denominación de espazos públicos. Anabel Gulías afirmaba que o Concello de Pontevedra foi pioneiro neste tipo de actuacións cun continuo cambio de denominacións de rúas dedicadas a persoas relacionadas co franquismo "algunhas responsábeis de facer moitísimo dano ás xentes de Pontevedra". 

Por este motivo, abriuse un proceso para estudar a procedencia da denominación da Praza do Marqués de Valterra. A intención é recoller datos para comprobar se o nome correspóndese coa figura de Pascual Díez de Rivera y Casares, responsable da política social relacionada coa pesca durante os anos da ditadura, ademais de ser procurador nas cortes franquistas. A portavoz municipal indicou que manterán reunións con asociacións da memoria e coas forzas políticas da corporación para continuar con este traballo para "desterrar" estes nomes do municipio.

Apuntou tamén que, ao longo destes traballos que se acometerán, tamén se estudará a posibilidade de que se retiren distincións municipais realizadas a altos cargos da época franquista. Anabel Gulías explicou que se recollerá documentación para que se realice a  desaparación de calquera "símbolo" do golpe de estado do 36.