O 27 de abril o recinto feiral volverá ser centro neurálxico das palilleiras galegas

Pontevedra
07 de abril 2025
Actualizado: 08 de abril

Como acción previa ao programa oficial, a asociación A Fieitiña promove esta fin de semana, o sábado 12 e o domingo 13 de abril, un obradoiro coa profesora búlgara Bistra Pisancheva

Presentación do XVII Encontro de Palilleiras
Presentación do XVII Encontro de Palilleiras / Mónica Patxot

Pontevedra volverá ser capital da arte de palillar. Acollerá, un ano máis, o Encontro de Palilleiras organizado pola asociación A Fieitiña

A cita chegará este ano á súa XVII edición e volverá ao recinto feiral pontevedrés o día 27 de abril. 

Para ir quentando motores, como acción previa ao programa oficial, a asociación promove esta fin de semana, o sábado 12 e o domingo 13 de abril, un obradoiro coa profesora búlgara Bistra Pisancheva.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este luns esta nova edición acompañado pola presidenta de A Fieitiña, Esperanza Marín.

Durante a presentación, destacou que se trata dun evento "consolidado" e un exemplo á hora de divulgar tradición, cultura e socialización.

Sinalou que o encontro é "dos máis importantes do Estado no referido á súa calidade e número de palilleiras.

Presentación do XVII Encontro de Palilleiras
Presentación do XVII Encontro de PalilleirasMónica Patxot

Nesta mesma liña, explicou o "orgullo" de que Pontevedra acolla esta cita, que posiciona a cidade e que achega até a Boa Vila a milleiros de persoas ao longo dunha xornada realmente especial. "Pon en valor a artesanía, que cada vez tan máis importancia como motor económico no país".

Tamén quixo destacar Lores o traballo desta asociación do barrio de Monte Porreiro, que "procura un trato exquisito para todas as participantes tale como quedou demostrado ao longo dos anos".

O alcalde comprometeu o apoio municipal á cita. "Sempre contarán co noso apoio á hora de levalo a cabo", asegurou.