26 de outubro, data de homenaxe a Protección Civil de Poio no seu 30 aniversario

Poio
12 de outubro 2024
Actualizado: 20:24

O acto terá lugar no Centro Cultural Xaime Illa en Raxó e servirá para recoñecer o labor altruísta do persoal voluntario

Integrantes de Protección Civil de Poio
Integrantes de Protección Civil de Poio

O sábado 26 de outubro, o Concello de Poio renderá unha homenaxe á agrupación de Protección Civil do municipio, que cumpre tres décadas de servizo á comunidade.

O acto, que terá lugar no Centro Cultural Xaime Illa en Raxó, servirá para recoñecer o labor altruísta do persoal voluntario que formou parte desta organización ao longo dos anos.

A agrupación de Protección Civil de Poio, inscrita oficialmente no rexistro o 14 de xullo de 1994 e constituída en outubro dese mesmo ano, leva trinta anos traballando de xeito desinteresado pola seguridade e o benestar da veciñanza do municipio.

Durante este tempo, os seus membros participaron en innumerables dispositivos de seguridade en eventos locais e foron os primeiros en responder ante situacións de emerxencia como incendios, temporais e accidentes.

Máis de setenta voluntarios, entre eles os catro presidentes que dirixiron a agrupación ao longo da súa historia, xa confirmaron a súa asistencia ao evento.

Manuel Vicente, actual presidente, xunto cos seus predecesores Jose Manuel Lores, Jaime Martínez e Jose Manuel Pérez, estarán presentes neste acto de recoñecemento.

Como parte da celebración, a contorna do Centro Cultural Xaime Illa converterase nun espazo temático onde se exhibirán os materiais, equipos de traballo e vehículos que Protección Civil de Poio emprega nas súas intervencións.

Esta mostra permitirá aos asistentes coñecer de primeira man os recursos cos que conta a agrupación para levar a cabo a súa importante labor.

Esta homenaxe non só servirá para agradecer o compromiso dos voluntarios actuais e pasados, senón tamén para poñer en valor o papel fundamental que Protección Civil xoga na seguridade e na resposta ante emerxencias no municipio de Poio.