As mulleres maiores de 65 anos centran este ano a campaña municipal organizada en Soutomaior con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia sobre a muller.
A concelleira de Igualdade, Rosana Martínez Boullosa, explicou que o Concello quere "dar voz e escoitar as demandas destas mulleres" e promover espazos de seguridade para dar respostas ás súas necesidades, visibilizar saídas e desfacer obstáculos sociais como a vergoña social.
A responsable de Igualdade; a directora do CIM de Soutomaior, Cristina García; e a técnica de Igualdade do concello, Margarita Taboada, presentaron o martes a campaña na escola obradoiro Luís Seoane de Alxán.
A iniciativa leva por lema ‘Non nos deamos por feito’ e parte da base de que as mulleres maiores de 65 anos denuncian e utilizan os servizos de axuda moitos menos que o resto da cidadanía.
Segundo as explicacións que dan desde o CIM, usan menos estes servizos debido a motivos como a longa duración da violencia, o illamento, o medo, as crenzas, a dependencia económica ou a longa duración de convivencia co agresor.
Para poder chegar a todas estas mulleres, o CIM programou presentacións da campaña en distintas asociacións de mulleres de Soutomaior: Alxán, Pozovello, Moreira, Romariz, Oito de Decembro, Mulleres rurais Anduriña e o centro da terceira idade.
Dende o concello convidan a todo o mundo a asistir á concentración en repulsa ás violencias machistas e posterior lectura do manifesto institucional organizada para o domingo 24 de novembro ás 12.30 horas na Alameda de Talo Río.
Ese domingo, a partir das 13.00 horas, haberá un concerto – performance a cargo de Esperanza Mara. Tamén será na Alameda de Talo Río e no caso de que o tempo non acompañe, trasladarase ao Multiisos de Arcade.