25N | Reivindicación cidadá contra quen perpetúa as formas patriarcais e as súas violencias

Pontevedra
25 de novembro 2023

"Contra as violencias machistas, loita feminista" era o lema co que o Colectivo Feminista de Pontevedra e FULANAS Transfeminismo Pontevedra convocaban este sábado á cidadanía para "berrar ben forte por aquelas que xa non poden berrar". Advirtiron no seu manifesto que non consenten o uso dos corpos e mentes das mulleres para a explotación, desfrute, trata e exposición masculina e lembran que as mulleres non son propiedade de ninguén

Manifestación do 25N en Pontevedra / Cristina Saiz

"Contra as violencias machistas, loita feminista" era o lema co que o Colectivo Feminista de Pontevedra e FULANAS Transfeminismo Pontevedra convocaban este sábado á cidadanía para "berrar ben forte por aquelas que xa non poden berrar".

A manifestación partía da Praza da Peregrina ao redor das 20.30 horas e percorría as rúas do centro para finalizar no mesmo punto.

O acto contou coa lectura dun manifesto en que insistiron en que a secuela non cesa, lembrando que este ano foron asasinadas 52 mulleres no territorio español, dúas delas na provincia de Pontevedra, co temor de que a cifra aumente se o caso da muller asasinada en Porriño é consecuencia da violencia machista.

Sinalan que as vítimas son miles de mulleres e persoas diversas que sofren violencias patriarcais de formas diferentes na sociedade, unhas de maneira visible e outras invisibilizadas.

Por este motivo, os colectivos feministas queren centrar a forza nos "vitimarios", aqueles homes, institucións e organismos que "perpetúan as formas partriarcais e as súas violencias visibles e invisibles". Expoñen que se coñecen os nomes e as vidas das mulleres asasinadas e maltratadas pero poucas veces o foco chega a situarse no maltratador e en coñecer como chegou a ser como é. 

"Os vitimarios son os nosos pais, irmáns, amigos aos que rimos as grazas, encubrimos, sospeitamos pero non denunciamos e nunca sinalamos. Eu créote, salvo se el é o meu amigo, salvo si el é o meu familiar, salvo se el é un activista social recoñecido. Compañeiras, temos que estar alerta, non calar e denunciar calquera situación de abuso para poder avanzarmos en igualdade e dereitos", indican.

No manifesto arguméntase que durante moitos anos as mulleres soportaron estruturas patriarcais en todos os espazos, públicos e privados que saben utilizar, manipular e dividir as vítimas do patriarcado e  "o que é máis grave, nunha deriva na que o feminismo e o patriarcado é un tema secundario na esquerda que se nomea de revolucionaria".

Denuncian que o retroceso se percibe nas aulas, nas rúas e na sociedade. "Temos a sorte de vivir en Pontevedra, un concello no que as políticas de apoio á diversidade e ao feminismo levan anos vixentes, seguramente mellorables e translucindo a división que está na rúa. Pero aquì estamos hoxe para seguir avanzando, para reflexionar xuntas e denunciar que queremos espazos libres de violencias machistas",, afirmaron no manifesto.

Os colectivos demandan o compromiso como sociedade a non consentir o uso dos corpos e mentes das mulleres para a explotación, o desfrute, a trata e a exposición masculina. Advirten de que non son propiedade de ninguén, non deixando de ser persoas libres e independentes polo feito de estar en parella. 

Piden respecto á diversidade e orientación sexual e de xénero das persoas maltratadas polo sistema patriarcal: transexuais, transxénero, asexuales, agénero, homosexuais, persoas con diversidade intelectual e funcional, racializadas, entre outras.

Demandan o investimento dunha maior partida orzamentaria en igualdade e en potenciar políticas de prevención das violencias machistas. Sinalan tamén que non consentirán estruturas de poder patriarcal en espazos que denominen feministas na cidade.

Solicitan aos medios de comunicación que se poña o foco nos agresores e non nas vítimas, ademais de reclamar que se potencie a protección das mulleres vítimas das violencias machistas desde o primeiro minuto.