25N | "Querémonos libres, querémonos vivas"

Pontevedra
25 de novembro 2023

A Marcha Mundial das Mulleres protagonizaba unha concentración na praza de Ourense este sábado reclamando partidas orzamentarias e políticas "non baleiras de contido" para que sexan efectivas. Durante a lectura do manifesto afirmaron que "non imos esperar nada dun Partido Popular que se alía e aliña coa ultradereita fascista, que goberna contra as nosas vidas, que xoga coa saúde das mulleres"

Concentración da Marcha Mundial das Mulleres e a CIG o 25N
Concentración da Marcha Mundial das Mulleres e a CIG o 25N / Cristina Saiz

A Marcha Mundial das Mulleres e a CIG realizaban un acto na Praza de Ourense durante o mediodía deste sábado con motivo do 25N ao berro de "Querémonos libres, querémonos vivas".

Diana Rodríguez, responsable da Secretaría da Muller da CIG, denunciaba que non existe política no ámbito laboral nin no día a día para eliminar a brecha salarial e as pensións máis baixas das mulleres respecto aos homes.

A representante do sindicato nacionalista tamén manifestaba que as mulleres seguen sendo asociadas a empregos relacionados cos coidados e a traballos non retribuídos ao mesmo tempo que se mantén a violencia contra as mulleres ao continuar producíndose violacións e asasinatos.

"O feminismo segue a organizarse na rúa e resistindo", explicaba Diana Rodríguez reclamando políticas "non baleiras de contido, que teñan orzamentos e sexan efectivas".

No acto líase o manifesto da Marcha Mundial das Mulleres lembrando que toman esta data "combativas, firmes e convencidas de seguir loitando, día tras día, até erradicar calquera tipo de violencia machista". Denuncian o sistema "capitalista e patriarcal e contra as súas brutais expresións". 

"O sistema ensínanos, desde pequenas, o noso rol na sociedade: sermos obxectos de desexo, escravas das tarefas do fogar, as que cobran menos polo mesmo traballo, as que asumimos a carga mental, as que asumimos todos os coidados, as violadas, as asasinadas. Somos as que sostemos o mundo sen termos dereito a vivir nel", manifestaron para, a continuación, criticar as políticas da Xunta de Galicia.

"Non imos esperar nada dun Partido Popular que se alía e aliña coa ultradereita fascista, que goberna contra as nosas vidas, que xoga coa saúde das mulleres, que perpetúa desde o goberno o machismo máis rancio", apuntaron. Tamén explicaron que non esperan nada da xustiza nin das súas leis machistas, "que poñen en dúbida as agresións que sufrimos".

"Estamos fartas de que nos maten ante a indiferenza absoluta do sistema, fartas de traballar por menos salario, fartas de non poder expresar a nosa sexualidade como nos peta, de non poder volver a casa soas, fartas de ter medo", expuxeron as participantes anunciando que "xa non temos medo, que pasamos á autoorganización feminista, á autodefensa"

Durante o acto gardouse un minuto de silencio en memoria das 52 mulleres asasinadas durante este ano no Estado.