Membros da corporación e persoal municipal, xunto ao alcalde, Luciano Sobral, a tenente alcalde e responsable de Igualdade, Silvia Díaz, e representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller, deixaron claro neste venres 25 de novembro que "Poio planta cara á violencia machista".
Precisamente, este é o lema da campaña organizada a través da Concellería de Igualdade e do CIM pola conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O acto institucional ás portas da Casa Consistorial serviu para lembrar "aos 47 nenos e nenas e ás 1.168 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas" procedendo á lectura do manifesto 'Concellos Galegos polo Bo Trato', impulsado desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
Tal e como explicou Silvia Díaz este ano non se realizou ningún minuto de silencio, porque "máis que silencio, as mulleres que a día de hoxe están a sufrir situacións de violencia machista o que máis precisan é que alcemos a voz".
A representante do goberno municipal deixou claro que "a chave do cambio está na educación, en formar á xente nova nos valores da inclusión, do respecto pola diversidade e a igualdade, como nos ensinan os centros educativos do noso municipio, coas iniciativas que están a desenvolver para participar na campaña do 25N".
"Hoxe é un día de loito, pero, sobre todo, de loita", declarou Díaz, que puxo voz ao compromiso do Concello de Poio a "traballar sen escatimar esforzos nin medios que estean dentro das nosas posibilidades para priorizar as políticas e medidas contra a violencia de xénero, así como a facer fronte a todo tipo de maltrato e a fomentar a colaboración entre as administracións e a cidadanía".
ANDAINA
Este domingo terá lugar a andaina 'Paso a paso Libres de Violencia de Xénero', con punto de encontro ás 10.30 horas e saída ás 11.00 desde o Bosque das Mulleres de Lourido, para chegar sobre as 12.30 horas á Praza da Chousa de Combarro.
Unha vez alí, as asociacións do Consello Municipal da Muller dará lectura ao manifesto conxunto e proxectarase o vídeo cos traballos realizados polos colectivos nos obradoiros que tamén se impulsaron para o tecido asociativo dentro da campaña 'Poio planta cara á violencia'. O acto pecharase coa actuación musical da artista Cora Velasco.