Entre xaneiro e novembro de 2023, o Centro de Información á Muller (CIM) de Vilagarcía atendeu 132 vítimas de violencia machista, un punto porcentual máis que en 2022. Delas, 74 nunca antes acudira ao centro e o 7,5% teñen menos de 24 anos.
O CIM fixo balance do servizo con motivo do 25N-Día Mundial para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este sábado terá un acto central na Praza de Galicia a partir das 12 do mediodía. Haberá unha concentración cidadá na que se dará lectura ao manifesto redactado polo Consello Local da Muller e aprobado polo Pleno da Corporación Municipal.
En canto aos datos do CIM, mantense unha presenza alta de mulleres vítimas no grupo de menores de 24 anos, xa que representan o 7,5% do total de casos atendidos polo CIM. Malia isto, tamén cómpre sinalar que, a diferenza do ano anterior, o centro non rexistrou ningún caso de maltrato machista a rapazas menores de 15 anos.
A gran maioría das mulleres atendidas por causa de violencia teñen fillos ou fillas: o 83,76% ten entre un e dous descendentes ao seu cargo, e o 11,56% tres ou máis.
Neste momento en Vilagarcía hai 67 ordes de protección activas e 12 mulleres teñen o dispositivo de teleasistencia móbil (TAM) xestionado a través dun Convenio entre a Cruz Vermella e a Femp.
O CIM realizou este ano 1.376 intervencións que se relacionan cun total de 369 persoas atendidas, das que o 98,6%% son mulleres.
As intervencións distribúense entre tres servizos. O asesoramento xurídico copou o 18,16% das atencións realizadas; a atención psicolóxica, o 30,52%; e o servizo de información e tramitación de recursos, formación, orientación e emprego, o 51,32%.