O Concello de Marín, coa alcaldesa María Ramallo á fronte, acolleu o acto oficial con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Durante a sesión realizábase unha emotiva entrega do Premio Lazo Violeta á familia de Lourdes Broullón, concedido a título póstumo. Esta muller foi unha destacada activista social, presidenta da Asociación Santa María do Campo que formou parte do Consello Municipal dá Muller de Marín.
Lembrouse o seu compromiso e a súa loita asistindo a actos e achegando sempre "forza, ideas e ilusión" malia que nos últimos anos estivese afectada por unha enfermidade.
Victoria Carracelas Broullón, filla da homenaxeada, foi a encargada de ler a declaración institucional do Concello de Marín con motivo do 25N.
Lembrábase tamén, cun minuto de silencio, ás 52 mulleres asasinadas, vítimas da violencia machista, en España durante o presente 2023.
Durante o acto facíase un chamamento para establecer bandeiras vermellas que alertan de comportamentos que non teñen cabida na sociedade para frealos e evitar un "mal final".
Ao finalizar entregouse ás persoas asistentes unhas bolsas de tea coa ilustración da artista marinense Belén Diz na que se lembra a todas as mulleres que pasaron ou están a pasar por unha situación de malos tratos: "Non te esquezas de ti", mensaxe da campaña que o Concello promove con motivo desta data.