O Concello de Cerdedo-Cotobade conmemorou o 25-N coa lectura dun manifesto por parte da concelleira de Igualdade, Galiza Aguete, e cun minuto de silencio no que participaron o alcalde, Jorge Cubela, e membros da Corporación Municipal que se concentraron diante do Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas.
No manifesto lido por Galiza Aguete, a Corporación Municipal renova o seu compromiso irrenunciable co apoio ás vitimas da violencia de xénero e a súa “tolerancia cero” cos maltratadores.
A LAMA
O salón de plenos do Concello da Lama acolleu os actos conmemorativos polo 25-N centrados na lectura dun manifesto en repulsa contra a violencia machista e os asasinatos de mulleres, que leu o tenente de alcalde e concelleiro de Igualdade, David Carrera, e nun minuto de silencio polas 38 vítimas mortais rexistradas durante este ano en España no que vai de ano.
Nese acto estiveron presentes traballadoras e funcionarias municipais, a xuiza de paz, Mercedes Fernández, así como a avogada do CIM, Adriana Fontaíña e a psicóloga do CIM, Galiza Aguete.
Unha vez rematada a lectura e o minuto de silencio, os asistentes ao acto dedicáronlle tamén un aplauso ás vítimas do machismo que loitan por seguir adiante e recuperarse deste trauma. Tamén se repartiron entre o públicos elementos do “merchandising” relacionados coa campaña de NON á Violencia de Xénero.
CAMPO LAMEIRO
A veciñanza de Campo Lameiro decorou a Carballeira con flores que portan no seu centro o nome dunha muller para visibilizar o 25-N.
Durante días as persoas voluntarias recolleron botellas de plástico que foron recicladas para convertilas nesta expresión artística e reivindicativa que pendura das polas das árbores da Carballeira que tamén foron iluminadas en cor violeta polo Concello de Campo Lameiro.
Por outra banda, e dentro das habituais campañas que realiza o Concello para visibilizar o seu rexeitamento aos maltratadores e á violencia de xénero, no 25-N, este ano volveu editar un vídeo participativo feito coa colaboración da veciñanza onde mulleres de todas as idades se manifestan en contra de calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres.
MAICA LARRIBA LE UN CONTO
A subdelegada do Goberno Maica Larriba García, iniciou os actos do 25N esta mañá coa lectura dun conto coeducativo ao alumnado de 5 anos da Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas.
O libro que se leu por parte da Subdelegada nunha das aulas e regalouse aos 75 alumnos das tres clases foi “A historia dos bonobos con lentes”, da autora Adela Turín e a ilustradora Nella Bosnia.
O PP ORGANIZA UN TALLER DE DEFENSA PERSOAL
O Partido Popular de Pontevedra organiza un taller de defensa persoal, que se celebrará o vindeiro martes, día 29 de novembro ás 19:30, no Centro Cultural de Lourizán. A actividade é gratuíta e está aberta á cidadanía, aínda que se debe confirmar asistencia a través das redes sociais do partido ou na sede do mesmo. A clase estará impartida por Javier Carragal, técnico de emerxencias sanitarias e formado en defensa persoal.