Nun acto organizado polo Concello de Bueu con motivo do Día Internacional para a Eliminación das Violencias Contra as Mulleres, que se conmemora este sábado, arredor dun cento de persoas, entre elas un grupo de nenos e nenas do CPR Virxe Milagrosa, concentráronse este venres ás 12:00 horas na Praza do Concello en repulsa polos asasinatos machistas.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Laura Ogando, foi a encargada de ler un manifesto no que se apelou a que "todas e todos podemos facer algo contra a violencia machista" e que "o 25 de novembro é unha data para a denuncia activa de toda a sociedade en contra da violencia que se exerce contra as mulleres en razón do seu xénero".
Na súa declaración, Ogando apelou a todas as administracións para actuar na prevención da violencia e actuar coordenada e axilmente ante situacións deste tipo, e reivindicou que "ante as violencias machistas, nin un paso atrás!".
Ademais, tamén se celebrou unha charla no salón de plenos da casa consistorial na que participaron corpos de seguridade e na que Carmen Rebolledo Olmedo, fiscal da Sección Territorial de Cambados da Fiscalía Provincial de Pontevedra, informou sobre a atención e a protección de vítimas de violencia de xénero.
Esta actividade forma parte das xornadas interdisciplinares especializadas en prevención da violencia de xénero que se estenderán ao longo deste mes e de decembro. Está organizada polo Centro de Información ás Mulleres de Bueu (CIM) e financiada co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
As charlas comezaron o 19 de outubro sobre novas masculinidades e experiencias prácticas na educación secundaria, mentres que a seguinte foi o 17 de novembro e falou sobre redes sociais, ciberacoso e seguridade na rede no salón de actos do mesmo instituto, nunha xornada dirixida ás asociacións de nais e pais da vila.
A vindeira charla será o 28 de novembro no IES Johan Carballeira e a impartirá o profesor de socioloxía da USC Jorge García Marín, que informará sobre xogos bélicos e sexistas ás ANPAS. O 30 terá lugar a charla 'A experiencia do Comité Lila', nunha xornada dirixida aos centros de ensino e na que participará Teresa González Piñeiroa, profesora no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.
O broche ás xornadas será o 30 de decembro cunha charla para o persoal do centro de saúde de Bueu, na que Rosana Izquierdo Fernández, médica de atención primaria no centro de saúde de Sárdoma presentará o protocolo de violencia de xénero no ámbito sanitario.
Por outra banda, ao longo do mes de novembro e decembro estanse a desenvolver dende o Centro de Información ás Mulleres unha serie de obradoiros para o alumnado de educación primaria e secundaria.O pasado 3 de novembro abordaron a prevención da violencia de xénero no C.P.R. Virxe Milagrosa e teñen previsto outro obradoiro no mesmo centro destinado a educación primaria (o 1 de decembro) coa temática da igualdade de oportunidades. Proximamente, tamén trabajarán con educación infantil.
Dende o departamento destacan a boa acollida e participación por parte do alumnado e do profesorado.