25N | Círculos permanentes para lembrar as vítimas da violencia machista

Pontevedra
25 de novembro 2024

Ante a Audiencia instaláronse placas lembrando as 32 mulleres asasinadas pola violencia machista desde 2003 na provincia e dúas que lembran a menores, vítimas da violencia vicaria

Inauguración dos círculos para lembrar as vítimas da violencia machista e vicaria
Inauguración dos círculos para lembrar as vítimas da violencia machista e vicaria / Mónica Patxot

Este luns, 25 de novembro, con motivo do día internacional de la eliminación de la violencia contra las mujeres inaugurouse na Praza da Audiencia de Pontevedra unha instalación artística.

Busca lembrar as vítimas da violencia machista e interpelar á sociedade cunha mensaxe contundente: «Non mires cara a outro lado. SON ASASINATOS».

A instalación, situada diante da sede xudicial, busca combinar lembranza, rexeitamento e reivindicación de xustiza.

No chan da praza colocáronse 32 círculos conmemorativos: 30 negros coas iniciais e idades das mulleres asasinadas pola violencia machista na provincia desde 2003, e 2 brancos que lembran ás irmás de Moraña vítimas da violencia vicaria, de 9 e 4 anos.

Ademais, un círculo de maior tamaño inclúe unha mensaxe explicativa que remata co lema da iniciativa. A obra complétase con outros dous círculos cun 25-N e o logo do Concello de Pontevedra.

Durante o acto, a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, colocou os dous últimos círculos en recordo das dúas mulleres asasinadas máis recentemente na provincia: Fadua A., veciña de Pontevedra de 41 anos, en outubro, e Estela B.S., de 36 anos, en novembro.

Na súa intervención, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou o compromiso das institucións na loita contra a violencia machista:

"Estamos aquí para inaugurar unha instalación no espazo público porque entendemos que as institucións, ante a violencia machista, non deben mirar para outro lado. Este traballo debe facerse todos os días", afirmou o rexedor.

Tamén insistiou na importancia de que, a diario, se vexa o resultado destes asasinatos e por iso estas placas fan unha chamada "á reflexión" incidindo en que a xustiza debe actuar contra quen non respecta a igualdade e os dereitos das mulleres.

Eva Mejuto, creadora da instalación, sinalaba que é importante que quede "metido na historia da cidade" para que as persoas que pasen por alí teñen a estas mulleres presentes.

As placas, opacas, resistentes e antideslizantes, intégranse na contorna. A artista sinalaba que xa esta fin de semana houbo un acto vandálico contra estes círculos, que serán reforzados para evitar novos episodios contra esta obra de lembraza.

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, sinalaba que cada vez que sexa asasinada unha muller o un menor de idade con motivo da violencia machista vai colocarse unha placa. "Agardemos que non haxa que colocar máis", afirmou.

Manifestou que se escolleu este espazo porque é o lugar onde se concentra o movemento feminista cada vez que hai un asasinato e onde se xulgan os casos.

No acto estiveron presentes membros dos grupos municipais do BNG, do PP e do PSOE, ademais de Francisco Javier Menéndez, presidente da Audiencia de Pontevedra.