25N | Bueu reclama máis recursos na loita contra as violencias machistas

Bueu
25 de novembro 2022

Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, foi a encargada de ler a declaración institucional con motivo do Día Internacional Contra as Violencias Machistas, no que se demandan máis recursos para os CIM

Asistentes ao acto do 25 de novembro en Bueu
Asistentes ao acto do 25 de novembro en Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu organizou este venres unha serie de actividades con motivo do Día Internacional Contra as Violencias Machistas.

Máis dun cento de persoas concentráronse diante da Casa Consistorial, onde Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, leu a declaración institucional, coa presenza do alcalde e de edís da corporación. 

O manifesto deste ano fixo fincapé na reclamación de máis fondos para os centros de información ás mulleres, posto que son o primeiro recurso do que dispoñen moitas mulleres que sofren violencias machistas. 

A continuación, e despois de gardar un minuto de silencio por todas as mulleres asasinadas, a actriz Uxía Morán interpretou "A última cea", unha performance na que, partindo da experiencia persoal, tentou achegar, a través do xogo das imaxes corporais, musicais, da danza, do corpo… a realidade que viven miles de mulleres dentro dos seus fogares, en silencio. 

Ao acto asistiron grupos de alumnos de centros educativos na vila, aos que, por certo, se dirixiron algúns obradoiros sobre igualdade nas últimas semanas, como un contacontos feminista e a performance de Uxía Morán.

O Cineclub Bueu tamén colabora coa programación desta data, e proxectará esta tarde, ás 21.00 horas, o filme "Unha moza prometedora", que se poderá ver no Centro Social do Mar con entrada de balde ata completar capacidade. 

Arquivado en