25N | Bueu, contra a violencia machista: "Temos que estar vixiantes pois temos un desafío e unha ameaza"

Bueu
25 de novembro 2024

Bueu conmemorou este luns o 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Foi cunha concentración na Praza do Concello e que estivo protagonizada por escolares

Concentración en Bueu polo 25N
Concentración en Bueu polo 25N / Concello de Bueu

Baixo o lema "Non é tan difícil, queremos vivir en igualdade", Bueu conmemorou este luns o 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Foi cunha concentración que se celebrou na Praza do Concello e que estivo protagonizada por escolares do municipio.

Así, o alumnado do CEIP A Pedra e do CPR Virxe Milagrosa, sumáronse á corporación municipal, aos traballadores do Concello e á cidadanía no seu rexeitamento á violencia machista.

Ao inicio do acto o alcalde de Bueu, Félix Juncal, desexou que "oxalá poidamos dicir algún día" que a violencia contra as mulleres desapareceu, pero polo momento defendeu que "temos que estar vixiantes pois temos un desafío e unha ameaza".

Despois do minuto de silencio na memoria das mulleres asasinadas pola violencia machista neste ano, o alumnado de A Pedra comezou coa lectura dun texto reivindicativo no que se puxo de manifesto que a violencia segue de actualidade e que a sociedade debe reivindicar a igualdade.

"Nós, como nenos e nenas, ademais da escola e a sociedade, non podemos pechar os ollos ante calquera tipo de maltrato, e por iso temos que buscar solucións que nos axuden a erradicar esta lacra social", destacaron.

Concentración en Bueu polo 25N
Concentración en Bueu polo 25NConcello de Bueu

Precisamente, a educación é a concienciación son os dous piares sobre os que se sustentan as accións da concellaría de igualdade e do Centro de Información ás Mulleres.

Nos centros educativos de primaria e secundaria estanse levando a cabo neste trimestre diversos obradoiros sobre sensibilización e prevención da violencia de xénero.

Ademais, da man de Pantallas Amigas desenvolverase este martes o taller Violencia de xénero e o novo contexto dixital, centrado no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital, dirixido a alumnado dende 1º da ESO ata 2º de bacharelato.

Tamén durante todo o trimestre se estivo preparando un libro foro co alumnado de 4º de ESO arredor do libro Yo no te cuido de María José Lozano, co que partindo da historia traballaron en debates arredor das violencias machistas.

Como colofón a esta programación, o Cineclub Bueu proxectará o próximo venres, 29 de novembro, o filme Dalva de Emmanuelle Nicot, que se poderá ver ás 21:00 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde ata completar aforo.

A película conta a historia de Dalva, unha moza que ten 12 anos e que se viste e se maquilla coma unha muller. Unha noite, de súpeto lévana da casa familiar. Atónita e indignada ao comezo, logo coñece a Jayden, un traballador social, e a Samia, unha adolescente con mal xenio.