A Secretaría das Mulleres da CIG conmemorou este luns, 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres cunha manifestación polas rúas de Pontevedra baixo o lema "Óllate no especho. Rompe co machismo" coa presenza de arredor de trescentas mulleres.
A marcha partiu ás 12:00 horas da biblioteca pública Antonio Odriozola e concluíu na Praza da Peregrina arredor das 12:15, onde se deu lectura a un comunicado.
A xornada incluíu tamén un Encontro Nacional de Mulleres da CIG, celebrado na mesma biblioteca, no que o Gabinete Técnico Confederal impartiu unha charla sobre a identificación e actuación ante as violencias no ámbito laboral.
A campaña deste ano puxo o foco no agresor, interpelando directamente os homes para que rexeiten as agresións e actúen contra as condutas machistas nos seus círculos de relación.
Desde a CIG adverten que, lonxe de diminuír, as denuncias por violencia machista seguen en aumento, así como os casos de feminicidios e agresións sexuais.
Ademais, denuncian a falta de datos oficiais actualizados sobre as violencias no ámbito laboral, lembrando que o 17% das agresións sexuais teñen lugar no traballo e que case a metade das mulleres maiores de 16 anos declararon sentirse acosadas nalgún momento da súa vida.
A manifestación contou coa participación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e de varias persoas do grupo de goberno.
A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, reclamou maior implicación das Administracións públicas e das empresas na loita contra a violencia machista.
Castro denunciou que moitas empresas carecen de protocolos contra o acoso, algo ilegal, e que a maioría das que os teñen non os aplican.
A líder sindical criticou especialmente ás Administracións por "relaxar as políticas de xénero", citando como exemplo a decisión da Xunta de dividir a Secretaría de Igualdade en dúas Direccións Xerais, o que cualificou como un "erro tremendo".
O acto finalizaba cun chamamento a participar nas mobilizacións da Marcha Mundial das Mulleres de Galiza e do movemento feminista galego.
Manifestación da CIG con motivo do 25N
Manifestación da CIG con motivo do 25N
Manifestación da CIG con motivo do 25N
Manifestación da CIG con motivo do 25N
Manifestación da CIG con motivo do 25N
Manifestación da CIG con motivo do 25N