Rocío Viéitez está a vivir o pesadelo de toda nai. O seu ex marido, David Oubel, asasinou as súas dúas fillas de 4 e 9 anos hai cinco anos e este 2020, por primeira vez nun 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre a Muller, quixo alzar a voz e contar o que sufriu e sufrirá toda a vida por tan brutal parricidio.
Moi pouco dada ás intervencións públicas, este mércores empregou unha publicación nas súas redes sociais para rachar ese silencio habitual e relatar o seu sufrimento como muller que está a vivir unha situación que nin ten nome, perder un fillo. Autodenominada "orfa de fillos" -fillas no seu caso-, lembra a aquelas nais coa mesma traxedia.
"Nós temos tatuada a violencia de xénero na pel e nin somos vítimas", resume, lembrando a "moitas outras" que están "sen fillos, sen futuro, anos despois recibindo aínda paus legais", algunhas sen poder traballar porque "non erguen cabeza, adictas aos antidepresivos para vivir a supervivencia".
Nunha publicación chea de tanta dor como valentía, Rocío explica que ata agora nunca se expresara nesta data porque non o sentira así e porque por lei non é vítima de violencia de xénero, pero agora quere que se escoite ás que están a pasar unha experiencia tan terrible, que se pasan a vida lembrando os seus fillos asasinados "para manternos respirando".
Fai esta publicación para que se escoite tamén a voz das silenciadas e silenciados y pide que se difunda para pedir cambios e leis de protección para estes "orfos de fillos", pois cada 25 de novembro adoita lembrarse ás vítimas e pedirse medidas para frear a violencia machista, pero esquecer ás que seguen vivas sufrindo condenas como a súa.
"Elas morreron e merecen ser lembradas, pero mirade tamén o que queda", pide. No seu caso, o ex marido acabou condenado a prisión permanente revisable -o primeiro en España- e ten que pagarlle unha indemnización de 300.000 euros en concepto de responsabilidade civil, pero non só non verá nunca eses cartos porque só tiña débedas, senón que ten que pagar 25.000 euros de costas de avogado que pagou co seu traballo como tradutora e afrontar unha hipoteca de 130.000 euros pola casa na que Oubel matou as súas fillas cunha serra radial.
Rocío explica que ao longo dos cinco anos que pasaron desde o brutal parricidio coñeceu "nais rotas, fortes, pero danadas de por vida" para as que o sufrimento non rematou coa "perda brutal, execrábel dos nosos úteros", senón que "segue despois" cos gastos derivados do proceso xudicial, as débedas que lles deixan as persoas que matan os seus fillos e a certeza de que chegado un momento os asasinos empezarán a ter permisos mentres elas seguen a chorar a perda.