Dende a media noite deste luns 25 patrullas militares percorren os montes galegos no marco da campaña de loita contra os incendios forestais. Os soldados pertencen á Brilat e ao Tercio Norte de Infantería de Marina de la Armada, con sede en Ferrol, e estarán despregados ata o próximo 15 de setembro.
O xeneral da Brilat, José Antonio Alonso Miranda, e o director xeral de Medio Rural e Montes da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto, supervisaron este luns o inicio do despregamento militar, que se realiza no marco da operación Centinela Galego, e supón a actuación de 20 patrullas da Brilat e cinco da Armada. Na provincia de Pontevedra hai cinco patrullas, todas elas da Brigada con base en Figueirido.
O despregamento non é novo no monte galego, repítese dende a onda de incendios de agosto de 2006, pero este ano ten como novidade o aumento do número de patrullas implicadas no nivel de risco medio de incendios: 25 fronte ás 23 de 2012. Este nivel de risco é o decretado nestes días, pero poderá incrementarse ata 50 patrullas e un helicóptero se se considera que o perigo é alto ou ata 75 patrullas e dous helicópteros se é moi alto.
Como novidade este ano, as patrullas non as integran tres militares, senón tan só dous, e o xefe de Brilat, en calidade de comandante da Forza, viu flexibilizado o seu labor no sentido de que pode distribuír as patrullas polas distintas zonas de vixilancia sen necesidade de pedir autorización á Xunta de Galicia. O xeneral poderá mover efectivos dunhas zona a outras e dunhas provincias a outras en función das necesidades que detecte.
Os militares si repiten a misión que teñen encomendada. As ordes que recibiron son as de manter presenza disuasoria, vixiar as zonas asignadas, proporcionar información temperá aos servizo de extinción de incendios, notificar as actividades relacionadas con incendios ou incidentes ás Forzas e Corpos de Seguridade, e en última instancia, ante a comisión flagrante dunha actividade delituosa, a detención dos presuntos autores.
As patrullas estarán despregadas as 24 horas do día, se ben se reforzarán"entre las tres de la tarde y las once de la noche porque es la franja horaria en la que hay más incidentes", segundo explicou o capitán Sanz, xefe da área Azor, que comprende os distritos forestais do Condado-Paradanta, ou Ribeiro-Arenteiro e A Limia.
O seu labor implica patrullas a pé e en coche combinadas coa vixilancia en puntos de observación como zonas elevadas ou miradoiros distribuídas por toda a xeografía galega.
O operativo supoñerá, segundo o xeneral Alonso, a implicación duns 90 efectivos no monte e unha célula de mando co seu centro de operacións na base Xeneral Trasfogueiro. Segundo o director xeral de Montes, custará ao erario público un orzamento de 500.000 euros que aporta a Xunta de Galicia nos dous meses que dure a operación.
O director xeral de Montes insistiu este luns en que "quemar el monte es delito, no hay matices" e pediu a implicación da cidadanía na persecución dos incendiarios e a prevención dos lumes. Segundo o cabo primeiro Díaz, esta implicación ciudadada está garantida no caso da operación Sentinela Galega. Así o detectou el nos anos que leva participando no operativo, nos que a colaboración foi "muy buena" e "de momento, por suerte, no tuvimos ninguna situación complicada".