O departamento de Urbanismo do Concello de Bueu resolveu a autorización municipal para a instalación de 24 fogueiras durante as noites de San Xoán e San Pedro no municipio.
No caso de San Xoán, autorizáronse un total de seis cacharelas en terreo público, concretamente na praia da Banda do Río, Mourisca, Tuia, Loureiro, Banda do Río e no parque de Xexide; mentres que para San Pedro haberá unha no Campo da Estacada.
As restantes corresponden a fogueiras que se van realizar en terreos privados.
As cacharelas deben realizarse en lugares despexados mantendo unha distancia de seguridade como mínimo de 25 metros das edificacións, liñas aéreas de servizos, mobiliario urbano e vehículos, e non deberá superar en ningún caso os 3 metros de alto.
Os organizadores das celebracións son responsables da total e correcta extinción das fogueiras e, ao remate da mesma e antes de abandonar o lugar, deberase coidar de que as cinzas queden totalmente apagadas.