O edificio Guardeses, situado no Pazo Besada, desenvolve desde este luns e ata o 21 de xuño o curso de dixitalización destinado a mulleres do rural, neste caso, do municipio de Poio.
Baixo a denominación 'Galegas Dixitais' ofrece unha formación sobre adaptación á actividade en liña.
Maritxe González, concelleira de Promoción Económica, e o alcalde Ángel Moldes acudiron ao inicio do curso en que participan 23 mulleres do municipio.
Todas reciben gratis un ordenador portátil para desenvolver a aprendizaxe e para levar a cabo a súa actividade posterior.
O curso contempla tres bloques de corenta horas de duración cada un, destinado a mellorar as posibilidades de atopar emprego, impulsar o emprendemento e reducir a fenda de xénero.
Cada participante recibe un título oficial acreditativo sobre as competencias dixitais adquiridas ao completar o curso.