23 mesas petitorias da AECC de Pontevedra solicitarán este xoves fondos para a investigación do cancro

Pontevedra
10 de maio 2023

A Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra sairá durante a xornada do 11 de maio ás rúas, a partir das 10.00 horas, cun total de 209 persoas voluntarias, colaboradores habituais e persoal da entidade co obxectivo de obter axudas que permitan lograr o reto de acadar o 70% de supervivencia en cancro no ano 2030

A AECC realiza o seu tradicional peditorio
A AECC realiza o seu tradicional peditorio / Mónica Patxot - Arquivo

Este 11 de maio instalaranse as mesas petitorias no tradicional acto de solicitude de axudas daAsociación Española Contra o Cancro (AECC) polas rúas de Pontevedra. 

Baixo o lema "Todos contra o cancro", 209 persoas voluntarias, colaboradores habituais e persoal da entidade percorrerán distintos puntos do centro urbano solicitando colaboración económica co obxectivo de conseguir fondos para a investigación en cancro.

Segundo os datos que facilita a AECC, a taxa de supervivencia en casos de cancro en homes alcanza o 55,3% mentres que en mulleres ascende ao 61,7%. O obxectivo deste colectivo é superar o 70% no ano 2030.

Desde as 10.00 horas deste xoves estarán en funcionamento as 23 mesas petitorias distribuídas en diferentes zonas da cidade do Lérez. Cada mesa contará cunha bandeira para que toda aquela persoa que o desexe a firme uníndose ao obxectivo da loita contra esta enfermidade e animar a máis cidadanía a colaborar.

A AECC lembra tamén que o cancro é o problema sociosanitario máis importante do mundo xa que un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres verase afectado por esta enfermidade ao longo da súa vida. En España hai un diagnóstico de cancro cada dous minutos e calcúlase que para o 2030 haberá máis de 330.000 casos novos.

Nesta ocasión, a BRILAT, as asociacións Boa Vida, Amencer, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra e os colexios Doroteas, SEK e Los Sauces colaboran solicitando axudas durante a mañá e a tarde deste 11 de maio.