21-O: Comeza a campaña das eleccións galegas

Pontevedra
05 de outubro 2012

O PP insiste no arranque electoral en que "confiamos en nuestro candidato", o PSdeG-PSOE propón unha "campaña limpa sen avións a Montevideo" e o BNG aposta por unha campaña de moito contacto cos cidadáns

Xa estamos en campaña electoral. Con puntualidade británica, ás 00:00 horas desta noite, os partidos políticos comezaron a pedir o voto aos cidadáns de cara ás eleccións do próximo 21 de outubro. Por agora, tal e como demostraron na tradicional pegada de carteis na Praza de España, no único no que coinciden é que estamos ante unhas eleccións fundamentais para o futuro de Galicia.

No Partido Popular foi o seu secretario xeral e número dous da candidatura pola provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda o que liderou este arranque de campaña. Nel, insistiu varias veces en que os populares "estamos orgullosos de nuestro candidato", do que destacou que estivo á fronte dun goberno no que "tuvimos que hacer cosas que tal vez no se entendían en 2009 y ahora todos imitan y nos dan la razón".

"Trabajamos mucho estos cuatro años y ahora llega el momento de darle esperanza a la gente, de demostrarles que todo este trabajo ha servido para empezar a mejorar, para sentar las bases de lo que será el crecimiento de Galicia", dixo o candidato do PPdG.

Alfonso Rueda asegurou que ao PP "nos tiene que dar igual lo que hagan los demás en esta campaña", xa que segundo afirmou "ya sabemos cómo están y cómo estamos nosotros", en clara referencia aos conflitos internos dos últimos meses no seo de PSdeG-PSOE e BNG. "Nosotros estamos unidos, confiados, y en un momento difícil como el que atravesamos, nos hemos mantenido como una sola persona y un solo partido".

Rueda estivo acompañado, entre outros, por outros membros da candidatura como Pilar Rojo, o deputado no Congreso, Telmo Martín, o voceiro municipal en Pontevedra, Jacobo Moreira, ou o presidente do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, quen pediu un esforzo aos seus compañeiros de partido para que a Praza de Touros, escenario do mitin do sábado no que participará Mariano Rajoy, "sexa un revulsivo de novo para gañar as eleccións en Galicia".

O PSOE propón unha "campaña limpa" e "sen avión privados"

Acompañados, entre outros, polo deputado no Congreso, Guillermo Meijón, e o voceiro municipal en Pontevedra, Antón Louro, os encargados de defender os intereses do PSdeG-PSOE neste comezo da campaña electoral en Pontevedra foron os candidatos Patricia Vilán e José Manuel Civeira, números dous e sete, respectivamente, na lista provincial.

Patricia Vilán anunciou que o PSdeG-PSOE apostará por unha campaña limpa, "sen avións privados que nos leven a Montevideo" e na que tratarán de demostrar, dixo, "que somos un partido forte capaz de formar un goberno forte para Galicia, non só para algúns, os que máis teñen, senón para todos".

"Temos que conseguir que nos voten aqueles que nos necesitan máis", explicou a candidata socialista, entre os que enumerou aos pensionistas, "que dentro de vinte días verán reducidas as súas pensións", ás mulleres "que temos que pedir permiso á Conferencia Episcopal para poder practicar unha interrupción voluntaria do embarazo", ou aos mozos "que teñen que emigrar para buscar un futuro, igual que fixeron os nosos avós durante a ditadura".

Neste sentido, o candidato José Manuel Civeira, explicou que "non imos pedir un cheque en branco á cidadanía", senón que reclamarán o apoio dos cidadáns para impedir que siga gobernando "quen minte", en referencia ao PP. Con ese apoio, concluíu, "imos pilotar o cambio en Galicia despois do 21 de outubro".

Bará (BNG): "Darémolo todo para chegar á xente"

Pola súa banda, desde as filas do BNG, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e o candidato Luís Bará, número catro na lista por Pontevedra, foron os encargados de abrir a campaña electoral "dun momento histórico determinante, no que é necesario enfrontarse ás políticas da Troika europea, á que axudan os gobernos de Feijóo e Rajoy".

Luís Bará, que insistiu en que o BNG é a alternativa aos gobernos conservadores, explicou que os nacionalistas apostarán por unha campaña de moito contacto cos cidadáns, e que "darémolo todo por chegar a todo o mundo coa nosa proposta alternativa, para demostrar que hai outro xeito de facer as cousas".

O candidato nacionalista explicou que a mensaxe do BNG estará dirixido "sobre todo ás persoas desencantadas que aínda non teñen decidido o seu voto, como corresponde a unha campaña aberta e na que se destila un evidente cabreo ante as políticas da dereita", e avogou por concentrar no seu partido todo o voto da esquerda "para que sexa realmente útil para un cambio político real".

Arquivado en