O investimento municipal para colaborar na posta en funcionamento do novo hospital de Montecelo segue a crecer.
Nesta ocasión o Concello recibiu ata 21 ofertas de empresas interesadas en acometer as obras da rede de recollida de augas residuais e pluviais da instalación hospitalaria, unha intervención que conta cun orzamento de 801.646,03 euros.
Trátase dunha actuación que se pretende realizar canto antes "para evitar pequenas inundacións" coa chegada do inverno, segundo explicou no seu momento o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Por iso a mesa de contratación do Concello acelerou os trámites e este pasado venres xa abría as ofertas económicas das 21 empresas que se presentaron a esta licitación pública, solicitando máis información a cinco empresas pola posibilidade de incorrer nunha baixa.
O proxecto da rede de evacuación das augas residuais e pluviais do novo hospital Montecelo busca conectar as residuais do edificio á rede de saneamento do Concello de Pontevedra, e respecto das pluviais darlle saída cara ao río do Marco. As intervencións faranse nos lugares de Pardeso en Mourente, e da Barcia en Marcón.
Con estas novas obras o investimento municipal no novo Montecelo elévase por riba dos 15 millóns, entre as que descata a achega ao comvenio asinado coa Xunta, as obras de abastecemento ou a creación do novo vial perimetral ao centro.