Un 2024 de récord de visitantes: as Rías Baixas recibiron un de cada tres turistas que chegaron a Galicia

Pontevedra
31 de xaneiro 2025
Actualizado: 16:23

A provincia de Pontevedra rexistrou 1,8 millóns de turistas, de maneira que "foi o mellor ano turístico da historia da provincia con máis viaxeiros". En 2014, foran un millón, segundo Luis López

Turistas en Pontevedra
Turistas en Pontevedra / Cristina Saiz

O ano 2024 rematou en récord nas Rías Baixas. Foi o destino turístico líder en Galicia, acollendo un de cada tres visitantes que chegaron á comunidade, e rompeu todas as súas estatísticas previas ao recibir o maior número de turistas da súa historia

Así o deu a coñecer este venres o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, que fixo balance dos resultados turísticos e sinalou que 2024 foi un ano "inmellorable".

A provincia de Pontevedra rexistrou 1,8 millóns de turistas, de maneira que "foi o mellor ano turístico da historia da provincia con máis viaxeiros". Dez anos antes, en 2014, foran un millón, de maneira que nunha década o turismo medrou un 80%.

Chegaron á provincia un 10,5% máis visitantes dos que o fixeron en 2023 e aumentaron de forma destacada os turistas estranxeiros, un 3,5% máis que o pasado ano.

Ademais de recibir o 34% dos turistas que chegaron a Galicia, a provincia tamén foi líder da comunidade en canto ao grao de ocupación media anual, que se situou nun 42,32%

Luis López, presidente da Deputación
Luis López, presidente da DeputaciónDeputación de Pontevedra

Luis López tirou de datos para acompañar as súas afirmacións. Segundo a información facilitada, as oficinas da rede Info Rías Baixas atenderon 436.000 persoas, o 74% procedentes de España, principalmente de Madrid, Cataluña e País Vasco, e o 26% do estranxeiro, Portugal, Alemaña e Francia. 

Neste último ano visitaron os castelos de Soutomaior e de Sobroso case 55.000 persoas (37.108 o de Soutomaior e 17.428 o de Sobroso), sendo o segundo mellor ano da súa historia en canto a visitas dentro dos castelos. O presidente insiste en que, tendo en conta as persoas que se achegaron aos xardíns, "podemos falar de cifras récord".

Tamén foi destacada a actividade do Camiño de Santiago. Durante o 2024, chegaron 182.464 peregrinos, cun incremento do 8% con respecto ao 2023. A ruta máis transitada foi o Camiño Portugués, con 95.454, seguido do Portugués pola Costa (74.758), a Vía da Prata (9.028) e o de Inverno (2.870).

O presidente provincial cosidera que "non podemos máis que sentirnos orgullosos do 2024" e amosou o seu desexo de que “2025 continúe esta senda inmellorable porque para nós, para esta provincia extraordinaria, o turismo é un sector económico fundamental, xerador de emprego, de oportunidades, de riqueza”.