Un 2024 "malo" en accidentes de tráfico en Pontevedra: "Retrocedemos tres anos"

Pontevedra
18 de novembro 2024

Organizan un minuto de silencio polo Día Mundial en recordo das vítimas de accidentes de tráfico. As estradas pontevedresas suman 31 falecidos este ano, "o peor dato desde 2020"

Minuto de silencio polo Día Mundial en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico en Pontevedra
Minuto de silencio polo Día Mundial en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico en Pontevedra / PontevedraViva

As estradas pontevedresas están a vivir un ano "malo" en accidentalidade. No que vai de 2024 rexistráronse 31 falecidos, "o peor dato desde 2020".

Así o lamentou este luns o subdelegado do Goberno en Ponteveda, Abel Losada, que presidiu un minuto de silencio polo Día Mundial en recordo das vítimas de accidentes de tráfico, que se conmemorou o domingo.

Losada explicou que o dato é "especialmente malo" nas vías interurbanas, con 22 falecidos, tamén o peor dato desde 2020. Nos centros urbanos houbo 9 mortes, "o peor dato desde 2021".

"É dicir, retrocedemos, tres anos", concluíu Losada, acompañado, entre outros, pola presidenta da asociación Ponte a Conducir, Alba María González; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o xefe en funcións da Comandancia da Garda Civil, Óscar Graña; e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero.

En base a estes datos, o subdelegado considera que "temos que intensificar o esforzo, pedir prudencia e, desde logo, estar atentos a uns números negativos".

Ademais, chama a atención sobre a vulnerabilidade de ciclistas, motoristas e peóns, pois 13 das vítimas no que vai de ano pertencen a estes colectivos vulnerables.

Respecto diso, lembrou que a Dirección Provincial de Tráfico e o Subsector de Tráfico da Garda Civil están a centrar os seus esforzos "precisamente en previr os comportamentos destes usuarios vulnerables", que son "probablemente o elemento máis débil da cadea".

En canto ás causas destes accidentes, sinala que hai unha "maioría abafadora vinculada ás distraccións e ao exceso de velocidade". A metade das vítimas, 16, foron por estes dous motivos.

As inclemencias climatolóxicas, que dificultan a condución e fana máis perigosa, tiveron "un peso moi escaso" en relación co número de falecidos e o estado das vías non estivo detrás de ningún accidente mortal no que vai de ano.

Paula Yubero indicou que as cifras provisionais até o 30 de outubro sitúan o número de accidentes con vítimas en vías interurbanas en 859, un aumento de ao redor de 80 sinistros é 2024 en Pontevedra.

Achegándose decembro, unha época do ano habitualmente con moitos desplazamentos e celebracións, Paula Yubero avanza que se realizará, como é habitual, unha "intensificación de vixilancia" e unha campaña de vixilancia de especial de alcol e drogas.