2018 será o ano da reforma da rúa Virxe do Camiño e arredores

Pontevedra
12 de setembro 2017

A reforma quere visualizar o Camiño de Santiago e terá un tratamento unitario para todo o barrio con tráfico reducido para servizos e veciños. Vai ampliarse a praza situada entre esta rúa e Eduardo Pondal con arborado e estética de cortén (aceiro oxidado)

Rúa Virxe do Camiño e contorna
Rúa Virxe do Camiño e contorna / PontevedraViva

Este martes, a comisión de Mobilidade analizou o proxecto encargado para reformar a rúa Virxe do Camiño. O concelleiro responsable Demetrio Gómez explicou que se trata dunha proposta ambiciosa que inclúe as rúas Xosé Casal, parte de Mariscal Pardo de Cela e a beirarrúa entre Uxío Novoneyra e Filgueira Valverde. O proxecto conta cun orzamento de máis de 1.400.000 euros.

O goberno local quere darlle un tratamento unitario a todo este barrio con tráfico reducido aos servizos e veciños. Ademais, Virxe do Camiño recolle un tramo do Camiño portugués a Santiago e por este motivo o chan da rúa contará con elementos luminosos.

A principal novidade céntrase na ampliación da praza situada entre Eduardo Pondal e Virxe do Camiño que contempla a antiga entrada dos peregrinos a Pontevedra. A praza quedará a nivel da entrada ao Supermercado Froiz e vai instalarse unha escaleira ampla en dirección á rotonda de Eduardo Pondal.

Esteticamente traballarase con cortén, aceiro oxidado, e está prevista a plantación de árbores moi coloridos seguindo a idea de Tonucci de crear un espazo para os menores no que tamén se atopen a gusto os adultos, segundo expuxo Demetrio Gómez.

As rúas José Casal e o tramo máis próximo de Mariscal Pardo de Cela tamén conformarán unha plataforma única. Todo este proxecto será presentado o vindeiro venres aos comerciantes do barrio na sede de AEMPE. Posteriormente, o concelleiro ten previsto reunirse con veciños da zona para explicarlles o proxecto.

O servizo técnico redactará o prego para a contratación e o concelleiro espera que a principios de 2018 poidan iniciarse os traballos de reforma desta contorna.