O xoves 18 de abril, ás 19.30 horas, o Pazo de Colón, situado en Camiño de Ruza, en Poio, será escenario da décimo terceira edición dos Premios Xove Empresario e Iniciativa Emprendedora de Galicia, que organiza AJE Galicia.
Luciano Covelo, presidente do colectivo na comunidade autónoma; María Buceta, presidenta de AJE Pontevedra; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, presentaban este luns o acto durante un encontro cos medios de comunicación na área arqueolóxica da Caeira.
O presidente de AJE Galicia destacaba que este ano foi AJE Pontevedra a encargada de seleccionar o espazo onde se ía celebrar o evento e decidiuse polo Concello de Poio, dentro da proposta da organización empresarial que busca fomentar a vertebración de Galicia como país, promovendo o rural para que xerar máis emprego e, ao mesmo tempo, fomentar a política social a través da creación de empresas e de postos de traballo.
Covelo explicou que queren que AJE "toque máis o rural, o entendemento, o rural e a muller". Engadiu que para a gala deste ano xa hai máis de duascentas persoas rexistradas.
A asistencia é completamente gratuíta e só é necesario apuntarse a través da ligazón:
Rafa Domínguez destacaba na súa intervención o "papel fundamental" que AJE realiza como "vínculo de unión e colaboración". Manifestou que a Deputación está disposta a seguir apoiando o sector emprendedor para contribuír ao dinamismo económico e ao avance da provincia.
Pola súa banda, o alcalde Ángel Moldes agradeceu a AJE que escolleran o Concello que goberna "para poñer en valor o municipio", subliñando a importancia que os premios teñen en toda Galicia debido ao traballo que AJE realiza sendo referente do emprendemento e da mocidade.
Incidiu no destacado labor que desenvolven os profesionais autónomos e os empresarios e espera que, coa organización deste acto, "falen moito de Poio dentro e fóra do municipio".