200 mulleres de Ponte Caldelas xa se queren máis e mellor tras practicar técnicas de "coaching"

Ponte Caldelas
21 de xuño 2017

O programa "Quérete a ti mesma" é o primeiro con esta proposta en feminino que se oferta integralmente a todas as mulleres dun municipio galego a través dun calendario por todas as parroquias. Este venres remata cunha última sesión no Centro Cultural

Obradoiro 'Quérete a ti mesma', en Tourón (Ponte Caldelas)
Obradoiro 'Quérete a ti mesma', en Tourón (Ponte Caldelas)

O taller de empoderamento feminino que leva por título 'Quérete a ti mesma' finaliza este venres 23 a partir das 17.00 horas cunha última sesión no Centro Cultural de Ponte Caldelas. 

Durante cinco meses, ao redor de duascentas mulleres deste municipio practicaron técnicas de "coaching" e ferramentas de autoaxuda a través dun traballo preventivo que busca fortalecer interiormente ás participantes para afrontar os problemas da vida ou simplemente a enfrontarse á realidade sen complexos.

Estas sesións tamén contaron coa presenza de 25 homes xa que as actividades, cun enfoque feminino, eran abertas para todo o público.

Os adestradores encargados de impartir estas clases utilizaron unha metodoloxía grupal para axudar á procura de preguntas e respostas útiles para o goce das relacións personasl, do lecer e da saúde. 

Esta iniciativa é a primeira vez que se oferta integralmente a todas as mulleres dun municipio galego a través dun calendario de sesións por todas as parroquias.