200 estudantes limparán a contorna do Gafos e plantarán carballos con motivo do Día da Auga

Pontevedra
19 de marzo 2023

A iniciativa, impulsada en colaboración coa concellería de Desenvolvemento Sostible, incluirá unha charla do presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, no Instituto Sánchez Cantón

Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, colabora na retirada de lixo no Gafos
Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, colabora na retirada de lixo no Gafos / Concello de Pontevedra

A rede de cooperación A Tropa do Clima iniciouse en 2022 entre os IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón coa intención de crear clubs contra o cambio climático. Agora volve á carga cunha nova actividade este mércores 22 de marzo con motivo do Día Mundial da auga.

Ao redor de 200 estudantes de seis institutos de Pontevedra realizarán unha xornada de concienciación que conta co apoio da concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Entre outras accións está prevista unha charla do presidente da asociación Vaipolorío, Gonzalo Sancho, no paraninfo do IES Sánchez Cantón.

Pero, ademais, o día 22 os estudantes levarán a cabo unha acción de limpeza por grupos pola zona urbana por onde transcorre o río Gafos, que concluirá coa plantación de carballos na contorna de Ponte Boleira á que acudirá o concelleiro responsable da área, Iván Puentes, que considera que esta iniciativa supón unha concienciación do alumnado sobre os problemas que se producen ao longo do ciclo da auga e que se atopan na orixe de moitos conflitos planetarios como os desastres naturais, a saúde ou a fame.

A xornada comezará ás 10.00 horas coa conferencia e despois organizaranse varios grupos de estudantes de cada centro con sacos de lixo, luvas e pértegas de recollida de materiais que se atopen na contorna do río tanto na zona de Campolongo como na desembocadura.